Uns 1.500 taekwondistas participarán esta fin de semana no Campionato Galego Sub-21 de Combate e nos campionatos escolares de Técnica, Exhibición e Freestyle que se celebrarán nas catro provincias e reunirán ás promesas do taekwondo galego. Das fases escolares sairán os deportistas que disputarán o Campionato Galego Escolar o vindeiro 24 de maio, na mesma xornada na que tamén se celebrará o Campionato Galego Absoluto de Exhibición.

O Campionato Galego Sub-21 de Combate reunirá preto dun centenar de taekwondistas o domingo 11 de maio no Pavillón Municipal de Irixoa (A Coruña). O torneo, organizado polo Club Han´s Horang-I, disputarase en horario de mañá e tarde. Ademais do Sub-21, en Irixoa celebrarase de forma simultanea o Campionato Escolar de Técnica, Exhibición e Freestyle en categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. As entregas de medallas están previstas para as 12:30 e 17:30 horas.

O sábado 10 de maio desenvolveranse as demáis competicións escolares provinciais de Pontevedra, Lugo e Ourense. Nos escolares participan máis de 1.300 taekwondistas, a maioría na modalidade de Técnica (1.050). En Exhibición hai un total de 244 nenos e nenas inscritos e 28, en Freestyle. En Técnica competirase en categorías benxamín, alevín, infantil e cadete en individual, parella e trío, mentres que en Freestyle e Exhibición somentes haberá categoría infantil e cadete.

O escolar de Pontevedra celebrarase no Pavillón Municipal de Caldas de Reis, organizado polo Club Número Phi; o de Lugo terá lugar no Pavillón Municipal de Taboada, baixo a organización do polo Club Neka; e o de Ourense será na pista central do Pavillón dos Remedios, organizado polo Club Couto. As entrega de medallas será ás 12:00 horas en Lugo e Ourense e ás 12:30 horas.

As fases provinciais son clasificatorias para o Campionato Galego Escolar que se celebrará o sábado 24 de maio en Redondela e forman parte do programa de Deporte Escolar Xogade, promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.

Todas as competicións están supervisadas pola Federación Galega de Taekwondo, e contan coa colaboración da Xunta de Galicia e dos concellos que as acollen. En todos os casos a entrada é de balde.

Print Friendly, PDF & Email