O sábado 27 de abril (a partir das 09:00 horas) celebrarase no Círculo Mercantil de Vigo o Campionato Galego Escolar das modalidades de técnica e freestyle, que reunirá a 600 participantes, pertencentes a 29 clubs de Galicia, das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, masculino e feminino (en freestyle só participan as categorías infantil e cadete). Ademais tamén contaremos coa participación de preto de 40 árbitros/as, que serán os encargados de puntuar o traballo das e dos nosos taekwondistas.
Para participar na final, as e os deportistas tiveron que quedar na metade mellor clasificada nas fases provinciais, que se celebraron a primeiros de abril en Ames, Ourense, Vigo e Taboada. Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.