Este sábado 25 de febreiro (a partir das 09:00 horas) celebrarase a XVII edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo no Coliseum da Coruña cuns 900 participantes entre deportistas, técnicos, colectivo arbitral e membros da organización. Como todos os anos, a organización realizará unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da cidade herculina.
En total estarán representados 55 clubs de Galicia, España e Portugal e entre os inscritos atópanse medallistas, tanto nacionais como internacionais nas diferentes categorías.
A Copa Cidade da Coruña, organizada pola Escola de Taekwondo Garrapucho, disputarase na modalidade de combate en todas as categorías (máster, sénior, júnior, cadete, precadete e infantil) e para a celebración de todos os combates disporanse 10 tapices. Os horarios serán de 9 a 14:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas.
Como todos os anos, a Escola de Taekwondo Garrapucho organiza unha recollida de alimentos a favor da Cociña Económica da Coruña, con máis de 130 anos de historia. A entrada ao recinto será gratuíta, polo que a organización anima a todos os participantes no evento (deportistas, árbitros, técnicos e público) a doar alimentos non perecedoiros, que se entregarán a esta institución benéfica.