Vaia forma de comezar o Campionato de Europa Sénior de Manchester! A nosa taekwondista Alma Pérez (-53, Suh Sport) acadou o xoves a medalla de prata no Europeo cunha actuación brillante, na que tivo ao alcance da man o título.

 

Alma librouse da primeira eliminatoria por ser cabeza de serie número 2, así que comezou a competición en segunda rolda ante a representante de Chipre Markell Eggeri. A galega foi moi superior (18-3) e deu un paso importante, xa que logrou entrar nos cuartos de final con moita confianza.

 

Nos cuartos enfrontouse a Gerda Tininkaite (Lituania) e novamente Alma fixo un magnífico traballo sobre o tapiz para lograr así meterse nas semifinais, a pesar de recibir un duro golpe na cara. Coa medalla asegurada, Alma quería máis e concentrouse no combate contra a croata Ivana Duvancic, que tamén avanzara con paso firme polo Europeo e eliminara á serbia Tijana (dúas veces medallista olímpica). Pero esta vez  cruzouse coa galega Alma Pérez, xa que a nosa deportista foi mellor para impoñerse cun 5-15 e puntuando con grandes accións.

 

Na final esperaba a turca Zeliha Agris, que eliminou á número 1, a alemá Ela Aydin, nun combate moi axustado en semifinais. A galega estivo dominando o marcador durante boa parte do combate, con distancias mínimas, ata que no terceiro asalto Agris logrou poñerse por diante e Alma xa non puido remontar (8-6). Memorable prata para a nosa deportista!

 

Segundo día de competición, segunda galega

 

E case sen tempo para asimilar a boa nova (o combate final de Alma foi case de madrugada), tivemos que volver centrarnos na competición, xa que hoxe venres competiu Tania Castiñeira (+73, Hebe). A galega, que enfrontaba o seu primeiro Europeo sénior, estaba moi ilusionada, pero caeu en primeira rolda ante a croata Nika Petanjek, nun axustado e fermoso combate (6-8), no que a nosa deportista estivo a moi bo nivel.

 

Agora teremos que esperar ata o domingo para ver en acción a Arlet Ortiz (-57, Mat´s) e Iván García (+87, Mat´s). Iván fixo unha tempada excepcional e non se esconde á hora de marcarse obxectivos ambiciosos: Quere subir ao podio.

Print Friendly, PDF & Email