A taekwondista galega Carla Sesar (-55, Natural Sport Ribeira) acadou na categoría júnior a medalla de ouro no Open de Bulgaria que se disputou esta fin de semana.
Carla fixo un traballo excepcional para acadar esa primeira posición, que lle outorga puntos para o ranking europeo, onde se coloca na novena posición. A deportista do Natural superou un total de catro eliminatorias, amosando un gran nivel físico e moita confianza. Na primeira gañou a Tsvety Slavova (Bulgaria) en dous asaltos. A continuación, enfrontouse á local Frida Kalicanin e este foi sen dúbida o combate máis disputado, porque Carla tivo un momento de desconexión que lle fixo perder un asalto, polo que tiveron que disputar o terceiro round, onde non deu opción a súa rival. Na semifinal venceu a Clio Sottile (Italia) nun duro combate xa que a italiana era moi alta e por iso necesitaba cubrirse ben dos seus ataques coas pernas. Precisamente a final contra Alexandra Giallourou (Grecia) foi un dos combates máis sinxelos para a galega, que venceu en dos asaltos con claridade (12-0 e 7-1).
Carla viaxou a Sofía xunto aos seus compañeiros de club Víctor Videla (-48), Tomasa Franco (-59) e Dani Caamaño (-59), así como do técnico Pablo Carou. Os tres perderon nos cuartos do final, rozando as medallas.
Tamén participou no Open de Bulgaria o club Kwon Betanzos, que acudiu cun nutrido grupo de deportistas das categorías cadete, júnior e sénior. As cadetes Julia Gómez (-41), Mencía Villar (-41) e Sofía Rodríguez (-44) e o júnior Antón Quintero (-78) perderon nos cuartos de final, mentres que Arianna Deibe (cadete -51) caeu e segunda rolda e Adriana Naveiro (júnior, -59), Aintzane Vázquez (cadete, -37) e Lía Carballido (cadete, -47) perderon na primeira. En sénior -54 competiu Sebastián Curvelo en su debut como membro do equipo nacional de Venezuela, que non tivo sorte co sorteo, ao enfrontarse con Kazajistán, ao que lle plantou cara no primeiro asalto.








