A semana pasada celebrouse o Europeo sub 21 de pesos olímpicos no que participaron un total de sete representantes do taekwondo galego (catro rapazas e tres rapaces). Non houbo moita sorte no torneo, pero os nosos taekwondistas competiron nun novo evento internacional de gran calidade e iso aporta máis experiencia e aprendizaxe cara o futuro.

 

Coa selección española viaxaron Irene Montemuiño, Desiree Rivadulla, Pablo Patiño e Sergio Troitiño, mentres que coa axuda da Federación Galega desprazáronse Ainoha García, Helena García e Adrián Salanova.

 

En -68 quilogramos masculino contamos coa participación de Pablo Patiño (Patiño) e Adrián Salanova (Maniotas). Pablo venceu no primeiro combate ao serbio Lazar Dragpjevic e caeu na seguinte rolda ante Jarad Aghayev (Azerbayán), que foi a medalla de prata no europeo.

 

Pola súa banda, Salanova superou a Andreas Krassopoulos (Grecia) en dous asaltos e perdeu na última acción ante o rival máis duro, o turco Arsian Demir, campión de Europa sub 21 en 2021 e que revalidou o título nesta edición.

 

Irene Montemuiño (-62, Natural Sport) perdeu na primeira rolda ante a croata Helena Kicema, que foi prata no Europeo. O combate de Ainhoa García (-67, Couto) en oitavos ante a bosnia Zorana Sandic foi tremendamente igualado, pero a vitoria foi para Sandic e o mesmo sucedeu con Helena García (-73, Dobok), que caeu ante a croata Nika Klepac.

 

E rematamos con repaso polas actuacións de Troitiño e Rivadulla. Sergio Troitiño (-87, Mat´s) caeu derrotado no primeiro combate ante o ucraíno Ilya Lipatov, mentres que Desiree Rivadulla (+73, Suh Sport) foi eliminada pola turca Ayselnur Saglik.

Print Friendly, PDF & Email