Galicia ocupou a primeira posición na clasificación xeral por equipos e na categoría masculina do Open de España cadete, que se celebrou onte en La Nucía (Alacante).

 

Categoría masculina

En -49, fantástica actuación dos nosos representantes, que nos ofreceron unha final galega. Daniel Agra (Mat´s) proclamouse campión tras vencer en catro combates. Polo camiño ata a final foi eliminando a Pere Alesina, Ángel Argiles e Joel García (Federación Balear). Na final enfrontouse ao tamén galego Mario Faro (LEAM) e venceu nunha final histórica e tremendamente axustada. Pola súa parte, Faro superou con anterioridade a Izan López, Carlos Vidal e Carlos Cuesta.

 

En -53, dobrete galego, con Roi Fraga (número PHI) como campión e Pablo Antelo (KAE Sport) no terceiro chanzo do podio. Roi fixo tres combates para lograr o título superando a Billal Youcef (Gran Bretaña), Héctor Pavón e Mario Buzón (Andalucía), na gran final. Pola súa banda, Antelo venceu a Diego Escudero nos cuartos e perdeu na semifinal ante Buzón nun axustado combate.

 

Fantástica prata de Daniel Piñeiro (-57, Maniotas) que superou nos cuartos de final a Iker Ania de forma clara e na semifinal a Diego González, do Samguk Tenerife. Na final, nun fermoso e competido combate, caeu pola mínima contra Danila Khabarov.

 

En -65 quilogramos, houbo dous galegos no podio. Yoel Jalda (Sares TKD) acadou a medalla de prata, mentres que Adrián Valladares (Sares TKD) foi bronce. Jalda venceu na semifinal a Hamza Mokrani con moita claridade, mentres que perdeu na final contra Erik Rubio. Pola súa banda, Valladares foi superado na semifinal por Rubio, que foi o campión do Open.

 

En – 33 quilogramos, medalla de prata para Daniel Abeijón (Natural Sport Riveira) que superou tres roldas para caer na final ante Fabio Carvalho (Gran Bretaña). Antes foi eliminando a Hugo Pérez, Yago Sande (Galicia) e Alejandro Morales.

 

Tamén hai que destacar a medalla de bronce de Daniel Abalo (-37, Kae Sport) que venceu a Manuel Gómez e Seven Backlund (Suecia) para alcanzar as semifinais. Aquí caeu ante Noor H. (Palestina), que foi a medalla de ouro. E os bronces de  Daniel Botana (TK Denodo) en -61 quilogramos, tras caer na semifinal ante Isaac Cisneros (Madrid), que logrou o ouro; e no peso pesado de Mario López (Patiño)  e de Raúl Campos (Sares TKD ).

 

Categoría feminina

Carla Alvarez (-55, Kae Sport) logrou a medalla de prata tras perder una final contra a británica Paige Vincent. Antes superou a Irene Morales e Andrea Martín (Valencia).

 

Carla Pereiro (Mat´s) acadou a medalla de bronce en -59, tras vencer nos cuartos a Nora El e perder na semifinal contra Alma Chirivella (Comunidade Valencia) nun gran combate. E houbo dous bronces máis galegos. Ainoha Santos (-29, Natural Sport) e Yaiza Rivadulla (+ 65, Suh Sport).

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email