Galicia estará presente, cunha expedición formada por unhas 120 persoas (deportistas, técnicos/as e xuices/as), no Campionato de España de Poomsae, Freestyle e Parapoomsae, que se celebrará o sábado 21 de febreiro no Pabellón San Pablo de Sevilla.
A cita, que comezará as 09:00 horas, non só outorga os títulos nacionais, senón que tamén é decisiva na formación do equipo que representará a España no Campionato do Mundo, que se disputará en setembro en Corea. Será a última proba clasificatoria para este mundial.
As e os nosos deportistas estiveron traballando moi duro durante as últimas semanas preparándose para esta importante cita, tanto no adestramento diario nos seus clubs como nas concentracións coas seleccións.
A continuación, tedes a ligazón coas convocatorias das seleccións galegas de técnica, freestyle e parapoomsae. Ademais, viaxan seis representantes do colectivo arbitral galego: Adrián Zas Otero, Conchy Martínez Carballo, Adrián Maceiras Maseda, Verónica Piñeiro Muñiz, Odhra Di-Martino Fermín e Antía García Rodríguez.
https://www.taekwondogalego.es/tecnica-07-02-26/
https://www.taekwondogalego.es/parataekwondo-07-02-26/
Resultados 2025
En 2025, Galicia logrou o título de campioa de España por equipos en Poomsae e Freestyle, no Campionato que se celebrou en San Vicente del Raspeig (Alacante). En Técnica as e os deportistas galegos acadaron 9 ouros, 9 pratas e 9 bronces, mentres que en freestyle houbo 6 ouros, 5 pratas e 2 bronces. En Parataekwondo a selección galega sumou 7 ouros.








