A selección galega máster asinou unha excelente participación no Open de Madrid, celebrado esta fin de semana, acadando múltiples medallas e un meritorio terceiro posto na clasificación xeral masculina de combate.

O equipo, acompañado polo seleccionador José Antonio Ríos, destacou tanto nas probas de técnica (poomsae) como en combate, demostrando nivel competitivo, experiencia e un gran espírito de equipo.

Técnica

Na modalidade de poomsae, os resultados foron especialmente destacados. Iria Gasamáns proclamouse campioa na categoría Kup 1, completando ademais unha gran actuación nas probas de parella e trío xunto á súa compañeira de club Marta Calván e Ileana Rodríguez, executando pumses de maior dificultade que os correspondentes á súa categoría.

Pola súa banda, Ileana Rodríguez logrou o ouro en Senior 2 tras superar representantes de Madrid e México, mentres que Marta Calván acadou a medalla de prata en Máster 1 tras caer na final ante unha competidora dos Estados Unidos.
Tania Prego completou o medalleiro en técnica cun bronce en Senior 2.

Combate

En combate, a actuación do equipo tamén deixou grandes resultados. Iván Figueroa subiu ao máis alto do podio en Máster E -74 tras dous combates, o primeiro resolto con claridade ante un rival de Extremadura e o segundo máis igualado fronte a un competidor de Baleares.

Tania Prego acadou a prata en Máster B -62, tras superar con solvencia a rivais de Estados Unidos e México antes de caer na final ante outra representante estadounidense. Jesús Couso tamén logrou un segundo posto en Máster E -80, cunha destacada semifinal ante un rival de gran nivel e unha final esixente fronte ao portugués Nuno Antunes.

As medallas de bronce foron para Ileana Rodríguez (Máster C +73), tras caer nunha semifinal moi axustada ante Estados Unidos; Jorge Símil (Máster D -68), nun combate moi disputado ante o club BAMCHUM de Viladecans; e Dani Carballo (Máster C -68), que loitou ata o final nun complicado enfrontamento ante Madrid.

TK3

Na modalidade TK3, Tania Prego e Ileana Rodríguez, xunto coa competidora Encarna Expósito (La Laguna), acadaron a medalla de bronce tras caer en semifinais ante o equipo de México, nun enfrontamento moi competitivo.

Como broche final, destacar que o equipo masculino máster conseguiu un destacado terceiro posto na clasificación xeral por equipos de combate.

Print Friendly, PDF & Email