Esta fin de semana (9 e 10 de marzo) celebrarase en Alacante o Campionato de España sénior de combate e o de técnica (categorías oficiais e aberto a clubs). Galicia asiste cunha destacada participación e tentará loitar polo podio.
Campionato de España de Combate Sénior. O combinado galego, formado por 12 mulleres e 11 homes, viaxa coa intención de acadar bos resultados, para lograr a clasificación para o Mundial, xa que é unha das notas que conta para elixir aos representantes de España no Campionato do Mundo de Manchester, que se celebrará en maio. O torneo, coa participación de 245 deportistas, disputarase no Pavillón Pedro Ferrandiz (Centro de Tecnificación de Alacante).
Na selección galega contamos con deportistas moi novos que veñen empurrando forte, como Sara Cortegoso (Mace), que xa logrou a medalla de ouro o pasado ano na categoría sénior, Arlet Ortiz (Mat´s), Tania Castiñeira (Hebe) ou Alma Pérez (Suh Sport), pero tamén hai xente con máis experiencia como José Fernández Rey (Natural), taekwondista de gran calidade -tamén foi bronce en 2018-, que non ten sorte coas lesións; Pablo Fernández Eiras (Mat´s), que foi prata o pasado ano, Manuel Parada (Natural Sport, bronce 2018) ou Iván García (Mat´s, prata 2018), entre outros, porque calquera pode darnos grandes momentos. Será un reto complicado, porque sobre o tapiz estarán os mellores competidores de España.
Resultados 2018. O pasado ano, Sara Cortegoso (Mace Sport) proclamouse en Valladolid campioa de España sénior de combate, nunha fermosa competición con moita emoción. Ademais, as e os deportistas galegos conseguiron 3 pratas (Iván García, Pablo Fernández Eiras e Tania Castiñeira) e 6 bronces (Alberto Verea, José Fernández Rey, Laura Lorenzo, Arlet Ortiz, Sofía Pérez e Manuel Parada).
Convocatoria:
https://www.taekwondogalego.es/cpto-esp-absoluto-09-03-19/
Campionato de España de Técnica. O sábado 9 celebrarase o Campionato de España de técnica adulto individual -cadete, júnior, sénior 1 y sénior2-, separado do resto das categorías (parellas, tríos e máster en técnica e todas as categorías da modalidade de freestyle), que se disputarán o domingo, e nos que tamén poderán participar os clubs. Así Galicia viaxa con 13 deportistas e en total no Campionato haberá 126 competidores o sábado e 374, o domingo. Con este torneo, péchase a puntuación para acadar a clasificación para o Europeo de técnica.
Neste torneo espéranse magníficos resultados para os nosos, aínda que Galicia perdeu a dous dos seus estandartes en técnica, xa que hai uns meses Samuel Meilán e Nerea Alamancos, co bronce mundial nas súas mans, decidiron retirarse. Precisamente eles, o pasado ano en Valladolid, lograron a medalla de ouro nas súas categorías. Pese a todo, contamos con deportistas que en cada competición amosan a súa valía como o cadete Alejandro Fernández (Escola Lucense), Manuel Paz (Hebe), Bárbara Di Martino (Hebe), os Alejandros Losada (de Tao e Neka) ou Raquel Guillén (Tao), entre outros.
O pasado ano en Valladolid, a selección galega de técnica adulta fixo historia ao proclamarse campioa de España por equipos, trala suma dos resultados individuais das e dos nosos deportistas que non puideron ser mellores (catro ouros, unha prata e tres bronces). Resultados inédito xa que foi a primeira vez na historia que Galicia logrou proclamarse campioa de España de técnica adulto.
Convocatoria técnica:
https://www.taekwondogalego.es/cpto-espana-tecnica-09-03-19/