Dende Montargis  (Francia), onde se celebrou o Solidarity´s Center Open (G1), chegan boas novas para o taekwondo galego. Adrián Davila (Kae Sport) logrou a medalla de ouro na categoría júnior; mentres que Anxo Vidal (Natural) e Javi Otero (Natural) foron prata e bronce respectivamente en sénior. E non podemos esquecer as nosas xuízas internacionais, María Bautista e Conchy Martínez, que impartiron xustiza.

 

Na categoría júnior Adrián Davila segue a sumar fantásticos resultados nas competicións internacionais. O vigués, como cabeza de serie número 1, librou a primeira rolda, para posteriormente enfrontarse ao marroquí Gahannami, un contrincante forte e difícil, do que Adri se librou en dous asaltos. Xa na final, enfrontouse ao italiano Filippo e o galego tirou de experiencia e non lle deu a máis mínima opción, vencendo en dos asaltos por diferenza de 12. Con este novo ouro internacional, Davila remata a tempada como número 1 do ránking europeo.

 

O domingo celebrouse a competición sénior coa participación de varios deportistas do Natural Sport Ribeira (Javi Otero, Anxo Vidal, Martín Lois e Alejandro Páramo), que ían acompañados polo técnico Alex Vidal, que debutaba como coach internacional.

 

En -58 quilogramos, Anxo Vidal logrou a medalla de prata despois de facer cinco combates. Superou a Baptiste Bonna (Francia) en primeira rolda e posteriormente a Aymen Achnine (Holanda), que partía como número 1 do torneo. Nos cuartos de final eliminou ao deportista de Costa Verde Dinis Varejao para garantir a súa medalla. Na semifinal puido co portugués Tiago Lopes e so sucumbiu na final ante o francés Samuel Bedart, moito máis experimentado nesta categoría sénior.

 

Pola súa banda, Javi Otero (-54) sumou un bronce en Francia tras vencer nos cuartos ao deportista de Líbano, Ahmed Ahqaaf. En semifinal esperaba o número 1 do torneo e gran favorito, Mahamadou Amadou (Nixeria), que superou ao galego e tamén logrou a medalla de ouro no Solidarity´s Center Open.

 

Noraboa!!

Print Friendly, PDF & Email