O taekwondo galego volveu brillar no panorama internacional grazas á actuación de Adrián Salanova (-68, Maniotas), que se proclamou subcampión de Europa Sub-21 no Campionato celebrado en Kosovo, tras asinar unha competición memorable.
O ouro escapóuselle no último segundo do terceiro asalto da final, nun combate moi axustado no que Adrián estaba por diante no marcador. A derrota por 2-1 ante o turco Bugra Cosgungonul non empaña, nin moito menos, o espectacular rendemento do galego ao longo de todo o torneo, no que amosou solidez, madurez competitiva e un altísimo nivel técnico.
Un camiño impecable ata a final
Salanova foi superando cada combate con autoridade:
- Primeira rolda: Vitoria por 2-0 ante Christian Santinelli (Italia)
- Segunda rolda: Triunfo en dous asaltos ante Kody Atiadevey (Dinamarca)
- Cuartos de final: Gaña 2-0 ante Eren Ozdemir (Turquía)
- Semifinal: Vitoria por 2-1 ante Mateusz Chrzanowski (Polonia)
Na gran final, Adrián caeu por un axustado 2-1 fronte ao representante turco, nun combate decidido no último instante e que confirma o enorme nivel do taekwondista galego.
Dobre éxito para o taekwondo galego
A esta prata, hai que sumarlle o ouro acadado por Sergio Troitiño (-87, Mat´s) hai un par de días, nun torneo excepcional para o taekwondo galego, xa que contou con oito representantes neste Europeo.








