As veces adestrar sen obxectivos á vista resulta complicado e despois dun par de semanas de confinamento, adestradores de varios clubs galegos comezaron a falar sobre a posibilidade de organizar un torneo na casa. Esta organización foi rápida e efectiva, e moi pronto estivo en marcha o I Torneo #YoEntrenoEnCasa.

Esta primeira edición celebrouse do 3 ao 8 de abril coa participación dos catro clubs promotores que eran Hebe, Neka, Natural de Sada e o asturiano Taemi. Foi unha idea para conseguir que as e os deportistas seguiran enganchados, sobre todo porque “os deportistas de técnica quedaran sen incentivos para esta tempada”, explicou Noelia Pérez, unha das ideólogas do proxecto xunto a Jacobo Ríos (ambos do Hebe); Sabela Lonja e Javier Sieira (Natural Sada); José María Vega (Neka) e Miguel Fernández (Taemi).

Así, animáronse a facer unhas bases moi sinxelas e abrir o período de inscrición (un día), para posteriormente dividir por categorías dependendo dos inscritos. Primeira sorpresa, 100 inscritos de 3 a 58 anos! Para nada esperaban semellante participación e enseguida se deron conta de que o torneo ía crecendo. Nun primeiro momento os árbitros ían ser os propios adestradores, pero cando o evento foi anunciado no Facebook, enseguida un grupo de árbitros ofreceuse para exercer de xuíces. E así pasamos a contar cun equipo arbitral de altura formado por Esperanza Meilán, Mercedes Romero, Concepción Martínez, Brais González, Adrián Maceiras e Alejandro Losada.

Xa temos deportistas (100 divididos en 11 categorías), 6 árbitros e a dinámica de actuación. O torneo dividiríase en tres rondas por categoría. En cada rolda se propoñía un poomsae e os deportistas tiñan un día para envialo gravado en vídeo. Jacobo Ríos foi o encargado de crear a aplicación para arbitrar e os xuíces tiñan que ter en conta as dimensións dos “tapices” especiais, coas dificultades engadidas pola falta de espazo en moitos casos. Nesta aplicación, as e os participantes podían ver todos os exercizos, así como as  puntuacións recibidas. Se un día se enviaba o vídeo, ao día seguinte os xuíces valoraban. E ao seguinte, nova rolda. E así ata alcanzar o gañador.

E tampouco faltaron patrocinadores para o torneo. Seguros Reale e a Clínica de Fisioterapia Sergio Villa (Ambos de Mieres) foron as empresas que permitiron regalar unha camiseta conmemorativa a cada participante e un trofeo ao gañador. Así que non faltou de nada!!

Ou si, faltou máis! Polo que os organizadores xa están traballando na segunda edición do Torneo #YoEntrenoEnCasa, que esta vez será aberto a todos os clubs! Seguiremos informando!

 

Print Friendly, PDF & Email