Ainara Piñeiro (-29, Natural Sport) acadou hoxe a medalla de bronce no Europeo Cadete de Atenas! Este logro chegou no seu primeiro ano como cadete, facendo un campionato espectacular e amosando unha madurez enorme, máis propia de competidoras de último ano.

 

Na primeira rolda enfrontouse á deportista grega Eirini Anna Gkirtzimani, á que gañou cómodamente en 2 asaltos (de diferencia de puntos o primeiro asalto, e de 11 puntos o segundo). No pase a medalla derrotou, tamén en 2 asaltos, á Sara Filipovic (Serbia), á que Ainara non deu nin unha opción de meterse no combate.

 

Xa nas semifináis, nun combate serio, paciente, pero con moita garra, lidiou coa favorita, a turca Ozmen, a quen plantou cara de principio a fin. Sen embargo, a turca levaríase o combate, e finalmente o título de campioa de Europa. Enorme o bronce de Ainara!

 

Hoxe tamén competiu Arianna Deibe (-51, Kwon Betanzos), que perdeu en primeira rolda ante a italiana Noemí Cazzato, quen tamén estivo no mundial como Ari. Ambas se coñecen ben, e nesta ocasión a italiana foi superior, non dando opcións á galega de pasar de rolda e loitar polas medallas.

 

Mañá pecharase o Europeo Cadete, coa participación de dúas taekwondistas galegas máis. Elas son Keila Crujeiras (-59, Malamia) e ⁠Ángela Balado (+59, Mat’s).

 

Seguimos traballando equipazo!

Print Friendly, PDF & Email