Pouco a pouco parece que imos recuperando a normalidade. O noso Alex Vidal vai ser un dos primeiros en participar nun stage cos seus compañeiros da selección española de parataekwondo. Esta concentración celebrarase do 12 ao 16 de xullo en Murcia, xusto antes do parón de verán, co obxectivo de ver como se atopan os deportistas despois do confinamento pola crise sanitaria provocada polo COVID-19.

Alex contounos que levou bastante ben o confinamento: “O Comité Paralímpico Español envioume unha bici de spinning e ademais puiden coller material no club, de forma que tiña unha rutina marcada e facía unha dobre sesión de traballo todos os días para manter a forma”. O noso campión chanceou sinalando que “o día máis complicado era o domingo, que non tiña que adestrar e se me facía un pouco longo”.

O deportista do Natural Sport Riveira xa tiña no seu poder a praza para os Xogos Paralímpicos de Tokyo, os primeiros nos que o noso deporte formaba parte do calendario. A súa praza foi confirmada de forma oficial no mes de xaneiro e esa praza mantense. Agora, co aprazamento dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos e a suspensión de toda a competición haberá que realizar unha nova planificación. Así nolo conta Alex: “Ao pospoñerse os Xogos, cambiamos toda a planificación. Agora o obxectivo é manter a forma e cando saibamos algunhas datas de campionatos, iremos preparando unha planificación específica”.

Print Friendly, PDF & Email