A Federación Galega de Taekwondo terá representación nos Xogos Paralímpicos de Tokyo. O noso Alex Vidal (Natural Sport de Ribeira) poderá cumprir un dos seus soños, xa que competirá nuns Xogos na primeira edición na que o taekwondo forma parte do calendario paralímpico. Falamos con Alex, recén chegado a Tokyo, e contounos como afronta a cita: “Con moita alegría e ilusión porque era un obxectivo que tiña marcado dende o 2015, cando se anunciou que o TKD entraba nos Xogos. Como para todo deportista a Olimpiada é o teito, o máis grande ao que se pode aspirar. Foi un camiño duro e longo para conseguir representar a España e Galicia nos primeiros Xogos. Todo un orgullo”.
Esta preparación foi tremendamente complicada pola pandemia da COVID, e así nolo explica Alex: “Ao principio foi duro, pola incerteza de si cancelaban ou se pospoñían, ou incluso se celebraban. Así que nos puxemos a traballar nun piso como se podía e cando nos dixeron que se aprazaban, pois a verdade é que sentimos un pouco de alivio e xa puidemos planificar doutra forma”.
Alex chega aos Xogos despois dunha grave lesión, polo que non se marca máis obxectivo que dalo todo: “Despois da lesión que sufrín hai case catro meses, o obxectivo é dalo máximo no tapiz e baleirarnos. Sabemos que todos os rivais son durísimos e as medallas estarán moi caras, pero iso non significa que non vaiamos a polo podio”.
Dos contrincantes, so coñece ao francés Bopha Kong de competir contra el, xa que “os demais son da categoría superior e teñen menos discapacidade”. O primeiro rival de Alex será un exipcio e se supera esta rolda enfrontarase ao francés, un vello coñecido tanto en Mundiais como Europeos.
E se temos a Alex como deportista, que competirá o día 2, tamén contamos nos Xogos coa xuíza María Bautista, que tivo que superar unha dura lesión durante o proceso de selección para estar en Tokyo.
A ambos, a mellor das sortes en Tokyo 2020!