A galega Alma Pérez (-53, Suh Sport) rozou a medalla no Mundial Absoluto de Guadalaxara (México), despois de facer unha gran competición. A nosa taekwondista gañou con claridade nas dúas primeiras eliminatorias e caeu nos cuartos ante a croata Duvancic, nun combate que se resolveu en tres asaltos e no último con empate a puntos, rexistros e accións, polo que a gañadora  foi por decisión arbitral.

 

A galega comezou a competición ante Sin Yi Law (Hong Kong) e venceu en dous asaltos, con claridade, para pasar aos oitavos de final onde esperaba a lituana Gerda Meištininkaite, coa que se enfrontara nos cuartos do Europeo. Novamente, gran actuación de Alma que gañou en dous asaltos.

 

Nos cuartos de final esperaba outra vella coñecida, Ivana Duvancic (Croacia), á que Alma vencerá nas semifinais do Europeo no mes de maio. Foi, como se esperaba, un gran combate, moi axustado e disputado. No primeiro asalto venceu a croata por 5-3, pero Alma logrou repoñerse e contragolpeou nun segundo asalto espectacular (9-2). Igualdade (1-1) e a polo terceiro asalto, que rematou con empate a puntos (3-3), a rexistros e cunha acción arriba, polo que houbo que ir á decisión arbitral. Os tres árbitros (o central e as esquinas) dan un punto, e o central deu a vitoria a Alma e as esquinas, á croata. Así se decidiu este combate!

 

Alma estaba triste, porque acariñou a medalla, pero moi satisfeita co seu traballo. Así nolo contaba: “Doeume moito, pero son cuartos dun Mundial… Estivo moi ben, gustoume moito como traballei, estiven moi fina, moi segura do que facía… Deume moita pena quedarme tan cerca, pero foi un gran traballo, a preparación moi boa, pero quedei aí… Unha pena”

Print Friendly, PDF & Email