Cinco galegos (Alma Pérez, Arlet Ortiz, Sara Cortegoso, Tania Castiñeira e Iván García) disputarán o Mundial de Bakú, que se celebrará do 25 de maio ao 6 de xuño. A RFET deu a coñecer onte a convocatoria, despois da disputa do Open de España no que se pechou o ranking. Nesta proba varios dos galegos pecharon a súa clasificación para o Mundial, sendo Galicia a comunidade con maior número de representantes. Ademais, todos estamos pendentes da recuperación de Iván García, que se operou do xeonllo hai uns meses e que está evolucionando moi ben e coa vista posta no Mundial.

 

Open de España

 

Galicia logrou no Open de España dous ouros (Sergio Troitiño, Alma Pérez), dúas pratas (Sara Cortegoso e Arlet Ortiz) e tres bronces (Brais Canosa, Miryam García e Tania Castiñeira).

 

Sergio Troitiño (-87, Mat´s) proclamouse campión despois de vencer a durísimos rivais e amosando unha vez máis o seu crecemento. No primeiro combate enfrontouse a Lucas Llopis (selección española) e o galego foi contundente vencendo en dous asaltos e acadando o pase a semifinal. En semis esperaba o cabeza de serie e número 1 do ranking mundial, Icaro Martín Soares, co que se enfrontara ata agora nunha  ocasión no Open de Holanda e con vitoria para o brasileiro. Pero nesta ocasión Troitiño venceu en dous asaltos, no segundo por rexistros.

 

Na final, Sergio enfrontouse a outro membro da selección española, Raúl Corredor, sendo o combate máis difícil xa que Sergio chegaba un pouco canso. Na primeiro asalto impúxose Corredor por rexistros e tocou remontar, pero Sergio volveu amosar unha gran confianza e venceu nos dous asaltos seguintes e logrou o ouro.

 

O outro ouro foi para Alma Pérez (-53, Suh Sport), que ademais se xogaba a clasificación para o Mundial. Chegaba moi igualada con Laura Rodríguez, por diante, pero cunha distancia mínima. A que pasase unha rolda máis, sería a mundialista. Alma comezou a competición ante a británica Isabelle Hockey en dous asaltos. Pola súa banda, Laura lesionouse no primeiro combate e retirouse, co cal Alma xa estaba clasificada, pero quería máis. Desta forma, na segunda eliminatoria deu boa conta de Camila Bezerra (Brasil) en dous asaltos tamén. Na semifinal loitou contra Elsa Hernández, e aínda con resultados máis axustados, tamén venceu en dous rondas. A competición rematou ante Paula Termina (Valencia) e Alma non deu opción algunha para levarse o ouro coas mellores sensacións.

 

En -46, Sara Cortegoso (Mace Sport) tamén buscaba pechar a súa clasificación para o Mundial e logrouno! Chegaban ata catro deportistas con opcións, pero Sara ía na primeira posición do ranking e moi pronto quedou clasificada Sara ao perder as opoñentes. Na primeira rolda do Open venceu á brasileira Julia Silva e posteriormente enfrontouse á Karoline Castillo (Panamá). Ambos foron combates moi axustados, pero Sara estaba moi concentrada e puido pechar os triunfos.

 

Na semifinal superou a Ashley Choi (Estados Unidos), que vencera a Sofía García (a número 2 do ranking español). Cortegoso gañou en dous asaltos e plantouse na final onde esperaba a italiana Sofia Zampetti. No último combate do día, Sara tiña molestias nunha man e non quixo arriscar e posiblemente iso apreciouse no resultado final, coa vitoria de Zampetti.

 

En -62 quilogramos, houbo dobrete galego, con Arlet Ortiz (Mat´s) e Miryam García (Patiño) no podio. Arlet logrou a medalla de prata despois de superar tres eliminatorias. Na primeira venceu a Ruth May (Gran Bretaña) de forma clara, despois gañou a Marta Calvo nun axustado combate, que se decidiu tamén en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse a Miryam García, nunha loita entre galegas, tamén tremendamente axustada que se decidiu a favor de Arlet en dous asaltos. Na final, perdeu contra Faith Dillon (USA). Pola súa banda, Miryam gañou en primeira rolda a Nomi Moqvist (Noruega) en dous asaltos e nos cuartos enfrontouse á compañeira da selección galega Irene Montemuiño, a que tamén venceu sen ter que ir ao desempate. E o camiño de Miryam no Open finalizou ante a súa compañeira Arlet.

 

Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou a medalla de bronce no Open de España. Casti superou nos cuartos a súa compañeira de selección galega Nuria Cernadas en dous asaltos, pero caeu na semifinal ante Hannah Keck (USA). Foi un combate moi asustado, no que Tania venceu no primeiro asalto e caeu nos dous seguintes pola mínima.

 

Por último, sinalar o bronce acadado por Brais Canosa (-54, Suh Sport), que na primeira rolda enfrontouse a Johan Sebastián Curvelo (Kwon Betanzos) e nos cuartos de final superou a Zack Sarsoza. Na semifinal caeu derrotado ante Jorge Cuenca, que foi o que finalmente se proclamou campión do Open de España.

Print Friendly, PDF & Email