Non puido ser. O taekwondo galego regresa do Mundial Absoluto sen medallas, pero si con novas vivencias e sumando experiencia cara a futuros retos. Onte pechouse o Campionato do Mundo de Bakú, coa participación dos galegos Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Iván García (+87, Mat´s), que non puideron loitar polos metais.
Iván García, subcampión do mundo do pasado ano, afrontaba o torneo con moitas interrogantes, xa que regresaba á competición despois dunha operación de xeonllo (no mes de xaneiro) e sen poder realizar algún test previo. E esa inactividade foi decisiva. O galego enfrontouse en primeira rolda ao coreano Yoon Min Bae e non se atopou en ningún momento, para caer derrotado en dous asaltos. Hai falta de rodaxe. Agora a pensar na vindeira semana, na que participará no Gran Prix de Roma.
Pola súa banda, Alma Pérez superou a primeira eliminatoria, na que se enfrontou a Munirah Warsame Abdiwahid (Somalia), que viña de eliminar a Ayasha Lama (Nepal). A galega controlou o combate de principio a fin e avanzou aos oitavos de final en dous asaltos (16-3 e 9-1). Aí esperaba a exipcia Shahd Samy Elhosseiny e esta foi unha loita un pouco estraña. Alma gañou con claridade o primeiro set, pero no segundo a exipcia foi tremendamente efectiva e logrou levar o combate ao terceiro asalto. Este estivo moito máis igualado ata os segundos finais, nos que Elhosseiny logrou poñerse por diante e Alma tivo que arriscar en busca dunha remontada que non foi posible.
E así finalizou o Mundial de Bakú e os nosos deportistas xa pensan nos novos retos!
#TaekwondoGalego #Orgullososdosnosos #Orgullosasdasnosas