Alma Pérez (-53, Costado Taekwondo Boiro) e Sergio Troitiño (-87, Mat´s) lograron subir ao podio esta fin de semana no Open de Holanda ao conseguir un bronce nos seus respectivos pesos.
Alma fixo un total de tres combates nesta competición. No primeiro superou a Lenya Kamkasoumphou (Francia) en dous asaltos e con comodidade. Nos cuartos de final enfrontouse a representante de Grecia Christina Pappa e novamente a galega logrou impoñerse2-0. E xa na seminal a rival que esperaba era Po-ya Su, de China Taipei. Foi o combate máis duro e tivo que resolverse en tres asaltos. Alma venceu o primeiro e caeu nos outros dous, pero foi unha loita tremendamente axustada entre ambas contrincantes.
Pola súa banda, Sergio Troitiño arrincou o Open ante o holandés Tom Van Den Enden, ao que eliminou en dous cómodos asaltos (16/3 e 14/0). A continuación, nos cuartos de final, enfrontouse ao alemán Josua Noel Jurgen, ao que tamén superou por 2-0, pero neste caso foi moito máis disputado, con moito choque de pernas. E así acadou o pase as semifinais, onde tivo como rival ao polaco Szymon Pietkwosk, que foi o que finalmente logrou a medalla de ouro no Open de Holanda. Foron dous asaltos moi axustados que se decidiron a favor do polaco nos últimos segundos por detalles.
Tamén participaron no Open de Holanda os galegos Javi Otero, Adrián Salanova, Pablo Patiño, Helena García e Tani Castiñeira. De todos, hai que destacar a actuación de Salanova que superou dúas roldas e caeu nos cuartos de final ante o que partía co número 1 do ranking, o francés Alaphilippe.
Bo traballo rapaces!!!