Alma Pérez e Adrián Salanova, ambos representando á Autónoma de Barcelona, regresan triunfantes dos European University Games 2024, que se celebraron en Miskolc (Hungría). Alma Pérez logrou a medalla de ouro, mentres que Salanova foi prata. Tamén participou como árbitra, a nosa internacional María Bautista.
Alma Pérez proclamouse campioa dos Xogos Europeos Universitarios despois de facer catro combates. Arrincou a competición fronte a Portugal e posteriormente Gran Bretaña. En ambos casos eran dúas rivais descoñecidas para Alma, pero foron dúas loitas cómodas para a galega. Na semifinal enfrontouse á turca Senanur Celik, unha taekwondista máis complicada, pero Alma gañou en dous asaltos e así se meteu na final onde esperaba a alemá Madeleine Folgmann, unha habitual nos Grand Prix e con medallas a nivel internacional. Pero a galega volveu ser mellor e conseguiu o título sen ter que disputar o terceiro asalto.
No caso de Adrián Salanova, partía como cabeza de serie número 2, e así librou a primeira rolda de oitavos. Nos cuartos venceu en dous asaltos ao representante inglés e en semifinais fixo o mesmo con Alemaña, nuns combates nos que non deu opción algunha aos seus rivais.
Xa na final, enfrontouse a Croacia, nun combate de gran ritmo e moi esixente, que se tivo que decidir en tres asaltos e que caeu do lado do representante croata.
Agora chega o momento das vacacións para ambos, que levan unha tempada moi longa.
Noraboa rapaces!