Alma Pérez (Suh Sport, -53 quilogramos) quedou a só un paso das medallas no seu primeiro Campionato de Europa Sénior. A taekwondista galega, de so 19 anos, superou dúas roldas de forma rotunda e caeu nos cuartos de final, tras facer un magnífico torneo. Pola súa banda, Sara Cortegoso (Mace Sport, -46), perdeu en primeira rolda no Europeo que se está a disputar estes días en Sofía (Bulgaria).
Alma Pérez (Suh Sport, -53 quilogramos) comezou a competición contra a finlandesa Jenna Ylonen, á que a nosa taekwondista non lle deu a máis mínima oportunidade hae(12-0). Unha hora e media despois, pelexou contra a alemá Julia Ronken e repetiu triunfo rotundo, nesta ocasión por 11-0. Así logrou plantarse nos cuartos de final, onde esperaba a húngara Luca Patakfalvy, unha deportista moito máis experimentada a nivel internacional con medallas en diferentes Open e participación en Europeos e Mundiais.
Estaba a só un paso das semifinais e por tanto das medallas. Houbo moitas horas de espera e finalmente a nosa deportista caeu derrotada contra a representante húngara, unha moi boa competidora. “Era unha deportista moi forte e moi agresiva e apenas puiden puntuar”, explica a galega, que pese a todo está encantado co traballo feito. Estas son as impresións de Alma ao remate da competición: “Pois estou bastante contenta polo resultado, a verdade. Tocoume un moi bo sorteo e conseguín pasar dous combates nun campionato desta magnitude, así que marcho con bo sabor de boca a pesar de quedarme a un paso da medalla contra unha deportista moi forte”.
A primeira en saír ao tapiz, o xoves, foi Sara Cortegoso (Mace Sport, -46 quilogramos) pero perdeu en primeira rolda ante a rusa Larisa Medvedeva, campioa de Europa sub 21 no ano 2019, entre outros magníficos resultados. A loita estivo moi axustada ata os instantes finais, nos que a rusa logrou escaparse (16-10). Pese a todo, Sara recoñece que non tivo boas sensacións e non estaba moi satisfeita, aínda que xa pensa en seguir adestrando e corrixindo os errores cometidos.
Agora, dos nosos representantes, so falta por participar Iván García, que pechará o Europeo o día 11 de abril. O noso taekwondista chega a esta cita continental nun magnífico momento de forma, despois dos Open de Sofía e Turquía, nos que sumou unha prata e un ouro, e vencendo a magníficos rivais.
Nestes tempos de pandemia, as medidas anti COVID-19 marcan o desenvolvemento da competición, polo que as e os deportistas que non compiten ese día non poden acudir ao recinto para ver aos seus compañeiros. Ademais, todas e todos os participantes tiveron que dar negativo nas probas PCR realizadas, así como cumprir un escrupuloso protocolo.