Ángela Balado (+59, Mat´s) proclamouse hoxe en Atenas campioa de Europa Cadete, tras vencer en catro duros e complicados combates! A galega fixo un campionato espléndido, no que tivo momentos de desfrute e de sufrimento para acadar o título europeo.
Ante rivais que a tiñan máis que estudiada, Ángela foi fiel ao seu estilo a pesar de pásalo mal nalgúns momentos da competición. As dúas primeiras roldas e a semifinal, seguiron unha tónica similar. A alemá Prashant, a grega Konstantinidou e a francesa Bagadi expuxeron combates de moita mobilidade para buscar o fallo de Ángela, sorprendela e levar a vantaxe no marcador. Así, as tres foron superiores no primeiro asalto de cada rolda, pero Ángela, sen perder a calma e o control, sobrepúxose a cada unha das rivais nos dous posteriores.
Na final, ante a turca Eylul Duru Varlik, Ángela freou o alto ritmo que tentou impoñer a súa rival, quen comezou adiantándose no marcador. Sen embargo, pronto remontaría e faría inútiles as ondadas da súa contrincante. Así, todo o combate estivo tremendamente axustado, gañando por rexistros o primeiro asalto (3:3) e o segundo por un punto (4:3), para proclamarse campioa de Europa e impulsar á selección Española ata o segundo posto por equipos en categoría feminina, grazas tamén ao bronce de Ainara Piñeiro (-29, Natural Sport). Enormes as nosas rapazas!!!!
Hoxe tamén competiu Keila Crujeiras (-59, Malamia), que perdeu na primeira rolda do Europeo ante a turca Merve Telli (2-0). Keila tivo unha actitude e entrega de sobresaínte, pero por momentos descoidou a súa garda, o que fixo que a pesar de ser capaz de realizar accións nas que conseguía puntuar con claridade, a súa rival recuperaba a súa vantaxe no marcador, ata truncar toda esperanza da galega por pasar de rolda.
Enorme o traballo de todas e todos os nosos deportistas e regresamos de Atenas cun ouro e un bronce galegos! Orgullo de equipo!








