Seguimos sumando medallas na President´s Cup de Sofía (Bulgaria), nesta oportunidade na categoría cadete. Ángela Balado (+ 59, Mat´s) logrou o ouro, mentres que Keyla Crujeiras (-59, Malamia) foi prata.
Ángela Balado segue imparable, despois de conseguir hai só uns días o bronce no Mundial cadete. Agora, en Sofía, subiu ao máis alto do podio. Arrincou o campionato ante a grega Ioanna Christopoulou, que puxo as cousas complicadas para Ángela. A galega perdeu un primeiro asalto moi axustado (7-8), pero remontou e venceu os dous seguintes (9-7 e 4-0).
Na semifinal enfrontouse á española Jéssica González e a nosa taekwondista gañou con claridade en dous rounds (8-0 e 10-2). A President´s Cup rematou ante Alicia Palomino (España) e Ángela volveu resolver en dous asaltos con superioridade (9-4 e 12-0), para así conseguir subir ao máis alto do podio.
Keyla Crujeiras fixo unha fantástica competición gañando tres combates e so perdeu na gran final ante Candela Ugena (España), nun combate tremendamente rifado, que se resolveu en tres asaltos.
Antes, Keyla superou tres rondas e ademais en dous asaltos todas. Comezou ante Athina Karvouni (Grecia), para despois enfrontarse a Sophia Bett (Gran Bretaña) e na semifinal dar boa conta de Ivanova Kossara (Bulgaria). Gran traballo!
Arianna Deibe (-51, Kwon) estivo moi preto das medallas. No primeiro combate superou á turca Zeynep Ece Simsir en dous cómodos asaltos (12-5 e 6-2).
Nos oitavos de final a rival foi Alexan Tsavdaridou (Grecia) e novamente Arianna venceu en dous asaltos e con enorme superioridade (12-0 e 12-0). Pero a nosa taekwondista caeu nos cuartos ante Veselina Angelova (Bulgaria) en dous rounds.
Alba Figueira (-41, Boudsport) gañou o primeiro combate fronte a Asva Singonul (Turquía) en dous asaltos (8-6 e 16-7), pero non puido con Anastasiia Tsaranova, que foi finalmente a campioa da President´s Cup.
E rematamos a participación femenina con Ainara Piñero (-29, Natural Sport), que caeu na primeira rolda ante a turca Irem Guzel Su (Turquía)
Na categoría cadete masculina, Daniel Abeijón (-41, Natural Sport) superou dúas roldas. Venceu no primeiro combate ao italiano Francesco Diodato en dous asaltos (17-4 e 16-4) e no segundo a Valentín Lazarov (Bulgaria) tamén en dous rounds (14-5 e 6-4). Pero caeu ante Óscar Delvaux (Bélgica) nos cuartos de final.
Nicolás Casas (-49, Mace Sport) gañou no primeiro combate a Valerio Gr Caccamo (Italia) e caeu no segundo ante Spyropoulos Iasonas (Grecia).








