A participación galega no Campionato do Mundo Júnior, que se está a celebrar en Taskent (Uzbekistán) estes días, rematou cunha destacada actuación de Ángela Balado, que quedou moi preto das medallas tras caer nos cuartos de final da súa categoría.

 

Balado (+68 kg, Mat’s) asinou unha gran competición ata alcanzar a rolda previa ás medallas, onde se enfrontou á checa Alice Binova, que finalmente se proclamou subcampioa do mundo. A taekwondista galega debutou no campionato cunha clara vitoria ante a serbia Andrea Djordjevic, á que superou en dous asaltos. No primeiro dominou con autoridade (4-0), mentres que no segundo, máis igualado, tamén logrou levar o combate.

 

Na seguinte eliminatoria, a galega impúxose á turca Gulnihal Sahin, novamente en dous rounds. Como no combate anterior, Balado levou con claridade o primeiro asalto (4-0) e soubo sufrir no segundo.

 

Xa nos cuartos de final, ante Binova, a galega perdeu o primeiro asalto (4-1), pero no segundo mostrou unha gran capacidade de reacción e loitou ata o final por remontar o combate. Finalmente caeu por un axustado 4-3, quedando ás portas do podio nunha categoría de gran nivel.

 

Roi Fraga cae na primeira rolda

Na categoría de -73 kg, o galego Roi Fraga (Número Phi) caeu na primeira rolda ante o competidor de Kazakhstan Zhan Shamuratov. No primeiro asalto, o taekwondista kazako mostrouse superior, pero Fraga reaccionou no segundo e mantivo o combate aberto ata o final. O asalto rematou en empate e tivo que decidirse por rexistros, que finalmente favoreceron ao rival.

 

Thiago Segade abriu a participación galega

A participación galega no Mundial comezara o luns 13 de abril coa actuación de Thiago Segade (-55 kg, Natural Sport). Segade realizou unha boa estrea internacional, aínda que acabou cedendo na primeira rolda ante o sueco Kevin Johansson tras un combate moi disputado. O deportista galego comezou con forza e gañou con claridade o primeiro asalto. No segundo, moi igualado e de gran intensidade, o triunfo decidiu­se por un único punto a favor do competidor sueco. Xa no terceiro asalto, Segade non puido manter o ritmo e Johansson acabou levando o combate.

 

Noraboa Ángela, Roi e Thiago!

 

Print Friendly, PDF & Email