Os taekwondistas galegos Ángela Balado, Roi Fraga e Thiago Segade competirán no Campionato do Mundo Júnior de Taekwondo, que se celebrará en Taskent (Uzbekistán) do 12 ao 17 de abril. Os tres deportistas forman parte da expedición española que partiu este 8 de abril cara á capital uzbeka. Xunto a eles tamén viaxa a galega Alba Vidal, integrante do corpo técnico da selección española.
Ángela Balado compite co club Mat’s, mentres que Thiago Segade, do Natural Sport, e Roi Fraga, do Número Phi, adestran ademais no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).
No caso de Ángela Balado, chega a este Mundial cunha fantástica traxectoria a pesar da súa curta idade. En novembro de 2025 proclamouse campioa de Europa cadete en Atenas na categoría de +59 quilos e no mes de maio dese mesmo anologrou o bronce no Mundial cadete en Fujairah (Emiratos Árabes). Esta será ademais a súa primeira tempada na categoría júnior, na que xa terá a oportunidade de competir nunha das citas máis importantes do calendario internacional.
Pola súa banda, Roi Fraga tamén sabe o que é subir a un podio continental, xa que en novembro de 2023 acadou a medalla de bronce no Campionato de Europa Cadete, celebrado en Belgrado (Serbia), na categoría de -174 centímetros.
Pola súa banda, Thiago Segade chega nun gran momento, tras proclamarse campión de España júnior en marzo de 2026, confirmando a súa progresión na categoría. Antes, en cadete, Thiago quedou 5º de Europa en novembro de 2024 en -53 quilos.
A competición xa ten tamén calendario para os representantes galegos. Thiago Segade será o primeiro en entrar en acción, competindo o 13 de abril, mentres que Ángela Balado e Roi Fraga saltarán ao tapiz o 14 de abril.








