O taekwondo galego volveu amosar o seu gran nivel internacional no Campionato de Europa de Clubs, celebrado estes días en Bosnia, cunha destacada actuación dos deportistas galegos, que lograron dous títulos continentais (Arlet Ortiz ba categoría absoluta e Roi Fraga en júnior) e dúas medallas de bronce (aos júnior Antón Quintero e Mencía Villar).

 

Na categoría absoluta, a deportista do Mat’s de Marín, Arlet Ortiz, asinou un torneo espectacular proclamándose campioa de Europa de Clubs na categoría de -57 quilogramos. Arlet venceu nos cinco combates disputados sen ceder ningún asalto, superando rivais de primeiro nivel internacional.

 

A galega derrotou na primeira rolda á ucraína Lytvynenko, na segunda á bielorrusa Sarokina, en cuartos á cabeza de serie número 1, a polaca Lisowska, e nas semifinais á rusa Kuchina. Na final impúxose á turca Durdu, nunha actuación que lle permitirá manterse nos postos máis altos do ranking mundial, tras sumar dous ouros consecutivos (President´s Cup de Alemaña e agora Europeo de Clubs).

 

Tamén en categoría absoluta, Adrián Dávila, do Kae Sport, acadou a quinta posición en -54 quilogramos tras superar nas primeiras roldas ao chipriota Androkinou e posteriormente ao francés Owen (bronce no Open de Bélxica). Ante o galo Adri comezou perdendo, pero terminou vencendo cunha fantástica remontada. O galego caeu nos cuartos de final ante o actual campión do mundo Sub21, o exipcio Asem Ata Abu Sree. Moi boa actuación do galego.

 

Na categoría júnior chegou outro dos grandes éxitos para Galicia. Roi Fraga, do Número Phi, proclamouse campión de Europa de Clubs en -73 quilogramos  e logrou ademais a clasificación directa para o Europeo Sub21 de selección.

 

Roi completou catro combates de enorme nivel. Venceu ao turco Yoruk, quinto do mundo, na primeira rolda (2-0); ao croata Varenica en cuartos (2-1); ao ucraíno Hodyma, terceiro do mundo, nas semifinais en tres asaltos; e na final superou tamén a outro representante de Ucraína, Tymur Holub. Fantástica actuación do deportista do Número Phi.

 

As categorías júnior deixaron tamén dúas medallas de bronce. Antón Quintero, do Kwon Betanzos, subiu ao terceiro chanzo do podio en -78 kg tras vencer ao turco Koc e ao español Javier Henares, en ambos casos sen necesidade de acudir ao terceiro asalto. Na semifinal realizou un gran combate ante o turco Gungor, que acabou levando o ouro, pero o galego fixo un combate excepcional que lle permitiu loitar ata o final pola vitoria, cedendo finalmente por 2-1.

 

A súa compañeira de club Mencía Villar (-44)  tamén conseguiu o bronce no seu peso. A betanceira venceu con autoridade dous combates ante rivais gregas e só caeu nas semifinais ante a actual campioa de España da categoría, á que Mencía viña de gañar no Open de Holanda, pero desta volta foi mellor que a galega.

 

Tamén participaron nesta cita europea Mario Faro, do Kae Sport, en -55, que venceu na primeira rolda ao turco Coskun e perdeu posteriormente ante o italiano Dalle Crode en tres asaltos e competindo ata o final; e Arianna Deibe (Kwon), que non puido superar a primeira rolda en -52, nun combate moi igualado ante a croata Muza.

 

Na categoría cadete, Aintzane Vázquez, do Kwon Betanzos, foi a representante galega en -44 quilogramos. A deportista realizou unha boa actuación, pero acabou cedendo por 2-1 ante a turca Sahan nun combate moi disputado.

 

Noraboa a todas e todos polo fantástico traballo realizado!

 

Print Friendly, PDF & Email