A galega Arlet Ortiz (-57, Mat´s) acadou o ouro na President´s Cup Europe tras facer unha competición excepcional, na que se enfrontou a grandes rivais e rematou na final superando a actual campioa de Europa deste peso.
A primeira rival de Arlet foi Margarita Vukic (Croacia), unha deportista á que se enfrontou esta mesma tempada no Open de Bélxica. Foi un inicio duro, ante unha moi boa rival, pero Arlet respondeu á perfección. Gañou o primeiro asalto, Vukic logrou impoñerse no segundo, pero a galega acadou a vitoria no terceiro.
Na segunda eliminatoria, outra rival de altura: Roja Rezaie, de nacionalidade alemá e de orixe iraní, que venceu este ano no Open de España. A pesar da súa calidade, Arlet foi mellor e logrou o triunfo en dous asaltos.
Nos cuartos esperaba a francesa Kanelya Carabin (coa que perdera nun combate moi axustado no clasificatorio do Grand Prix de Charlotte). Foi unha das loitas máis axustadas, que tamén se tivo que decidir en tres asaltos, con remontada da galega, que perdeu o primeiro e gañou os dous seguintes. Enorme.
Na semifinal esperaba Sila Irmak Uzuncavdar (Turquía), que con anterioridade eliminara a tamén galega Alma Pérez. A turca é outra taekwondista destacada, medallista en mundiais júnior e campioa de Europa da categoría júnior. Pero Arlet continuou concentrada e confiada nas súas posibilidades e avanzou cara á final en dous asaltos.
No último combate do día, esperaba a actual campioa de Europa, a bielorrusa Yuliya Vitko, pero era o día perfecto de Arlet, que confirmou en dous asaltos que estaba imparable, para acadar a medalla de ouro e sumar moitos puntos no ranking mundial.
Neste mesmo peso houbo máis galegas. Alma Pérez (Costado TKD Boiro) comezou a competición vencendo á polaca Nikol Lisowska en dous asaltos, pero na seguinte rolda atopouse coa turca Uzuncavdar, e caeu derrotada.
Ademais, Carla Sesar (Natural Sport e adestrando no CGTD), logrou superar dúas roldas. Venceu a Ruqia Rahmani (Finlandia), nun bo combate que lle serviu para coller sensacións. No seguinte, enfrontouse á súa compañeira da selección española, Laura Rodríguez, á que tamén gañou en tres asaltos, nun combate máis estratéxico. E nos cuartos esperaba Ada Avdagic (Bosnia), coa que tivo unha disputa moi axustada e ambos os dous asaltos se decidiron nos últimos segundos a favor da bosnia. Boas sensacións para Carla, que remata a tempada moi satisfeita.
Tamén do equipo do CGTD, Ekaterina Rebón (-62, Número Phi) foi unha das protagonistas galegas na President´s Cup de Nuremberg. Rebón gañou na primeira rolda á Francesca Franceschi (Francia) en dous asaltos, nun combate que estivo máis axustado no primeiro asalto, pero no que Ekaterina venceu con moita diferencia no segundo. A continuación Petra Stolbova (República Checa) freou o avance da galega, ao superala en dous asaltos.
Pola súa banda, Adrián Salanova (-68, Maniotas) gañou a Ricardo Silva (Portugal) en primeira rolda en dous asaltos e a continuación eliminou a Jesse Van Valpen (Holanda), tamén sen necesidade de acudir ao desempate. Na terceira rolda enfrontouse ao potente Souleyman Alaphilippe (Francia), medallista europeo, e Adri caeu derrotado ante o que posteriormente lograría a medalla de ouro na President’s Cup Europe.
Tamén participou o deportista do CGTD Gabriel García (-74, As Sport), que non tivo sorte ao caer en primeira rolda contra o croata Dugac, en tres asaltos.
E sen esquecer aos árbitros galegos presentes na President’s Cup Europe, Conchi Martínez e Adrián Maceiras.
Noraboa a todas e todos!








