Arlet Ortiz (-57 Mat´s), Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Iván García (+87, Mat´s) revalidaron o título de campións de España en La Nucia (Alacante). Estes foron os resultados máis destacados para Galicia no Campionato de España de Combate, xunto con dúas pratas (Alma Pérez e Ainoha García) e 6 bronces (Pablo Patiño, José Fernández Rey, Aitana Fariña, Miryam García, Cloe Iglesias e Desireé Rivadulla), nun equipo moi novo e renovado que fixo un magnífico papel. Con estas medallas, Galicia logrou a segunda posición na clasificación xeral por equipos femininos, mentres que foi cuarta na clasificación masculina e na xeral.

 

Tania Castiñeira (+73, Hebe) revalidou o título e iso a pesar de que chegaba un pouco renqueante, tras unha rotura do isquio, o que provocou que Tania fose medindo forzas durante o torneo. Na primeira rolda superou á representante de Andalucía, Yasmina Deniz, nun combate con poucas accións, para non forzar, pero que a nosa deportista controlou perfectamente (5-1, con dúas accións no peto). O segundo combate foi ante Violeta Pérez (Euskadi), pero foi moi rápido, xa que rematou no primeiro asalto. Violeta torceu un nocello e tivo que retirarse antes de tempo. Así chegou á final onde esperaba, non podía ser doutra maneira, a súa compañeira no CAR de Barcelona, Belén Morán. Son dúas deportistas que se coñecen á perfección e os seus combate sempre están moi igualados. E hoxe pasou o mesmo. Chegaron igualadas (0-0) ao terceiro asalto, e Belén logrou impactar cun puño a falta de 5 segundos, pero a reacción de Tania foi insuperable, cun mondolyo que lle permitiu vencer  novamente (5-2) e proclamarse campioa de España por terceiro ano consecutivo. Nste mesmo peso, houbo outra medalla galega: O bronce de Desireé Rivadulla (Costado Suh Sport), que venceu a Silvia Boix de forma clara (0-5) en cuartos de final, para caer na semifinal ante Belén Morán (0-3).

 

Magnífico campionato o de Arlet Ortiz (-57, Mat´s) que venceu en catro combates e de forma rotunda, para así revalidar o título de campioa de España, por cuarto ano consecutivo. A primeira rival foi Arene Rementeria (Cantabria) e gañou por 9-3, para a continuación enfrontarse a Ester Asensio (Cataluña) e lograr unha segunda vitoria cómoda (9-1). A medida que avanzaba o torneo, crecía Arlet en confianza e así superou na semifinal a Lucía Sánchez (Castela a Mancha) por 12-0 e na final a María Jiménez (Andalucía) por 19-0.

 

Iván García (+87, Mat´s) tamén logrou o título de campión de España por cuarto ano consecutivo (e sétima final), nun torneo no que o galego foi tremendamente superior. Na primeira rolda superou ao taekwondista  de Aragón, Daniel Murillo por un rotundo 19-0. Na semifinal enfrontouse a outro vello coñecido, Genis Gisbert (Cataluña) (fora o seu rival na final do pasado ano) e novo triunfo inapelable (18-1) e na final loitou contra Julian Pérez (Andalucía). Iván rematou o torneo cunha cómoda vitoria (13-5).

 

Alma Pérez (-53, Costado Suh Sport) logrou a medalla de prata tras vencer a Elsa Hernández (Castela a Mancha) por diferencia de vinte puntos no primeiro combate e posteriormente na semifinal a Lucía Vara (Castela e León), tamén con enorme superioridade (17-3). A final foi tremendamente igualada e caeu a favor de Laura Rodríguez, por só un punto (10-11).

 

A segunda prata galega foi para Ainoha García (-67, Couto), que saía como cabeza de serie número 3. En cuartos enfrontouse á representante de Navarra, Irati Irigoien, nun combate dominado con claridade pola galega (9-0). Na semifinal enfrontouse a Lea López (Cataluña) nunha loita moi intensa na que Ainoha logrou a vitoria (15-10). Na final caeu ante Cecilia Castro (Madrid), nun combate que estivo vivo ata o último asalto, no que Castro se escapou cunha enorme diferenza.

 

Na categoría feminina houbo dous metais en -62 quilogramos. Miryam García (Patiño) e Cloe Iglesias (Patiño) acadaron sendas medallas de bronce. Miryam gañou dous combates (ás representantes de Baleares e Comunidade Valenciana) e caeu na semifinal ante Jone Magdaleno (3-8), que foi quen se proclamou campioa de España. Pola súa banda, Cloe Iglesias venceu a Mariona Benito (Cataluña) e Paula Pizarroso (Madrid), para caer finalmente derrotada na semifinal contra Marta Calvo.

 

E rematamos con tres bronces máis. En -46, Aitana Fariña (Maniotas) logrou o bronce tras superar a Elena Martín (Canarias) por 6-11 e caer na semifinal ante Silvia Soriano (Valencia). Pablo Patiño (-68, Patiño) logrou o bronce tras gañar dous combates. No primeiro superou ao representante de Valencia (7-2) e no segundo a Diego Librado (Madrid) por un rotundo 25-3. Na semifinal caeu ante Marcos Caballero (Madrid), que foi o que se proclamou campión de España (despois de vencer na final ao olímpico Javi Pérez). E finalizamos co bronce de José Fernández Rey (-74, Natural Sport) que gañou a Bryan da Silva (Euskadi), por un claro 26-3 e despois a Juan Antonio Millán (Rexión de Murcia) no punto de ouro. Na semifinal perdeu nun axustadísimo combate ante Ismael Fernández (Cataluña) por 6-7.

 

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email