O taekwondo galego está a ser representado por catro deportistas (Alma Pérez, Arlet Ortiz, Iván García e Tania Castiñeira) no Campionato do Mundo Absoluto 2022, que se está a disputar en Guadalaxara (México). Este Mundial é o primeiro que se celebra dende o ano 2019, pola pandemia da COVID.

 

O Mundial xa está en marcha e a primeira deportista galega en competir foi Arlet Ortiz (-57, Mat´s), que superou a primeira rolda e caeu nos oitavos de final. Na primeira rolda enfrontouse á grega Faidra Kalteki e a nosa taekwondista foi moi superior, para gañar por 2-0. Nos oitavos, a galega tivo como rival a Kamila Aimukasheva (Kazajistán), pero Arlet non puido coa kazaka.

 

Agora é a quenda de Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Iván García (+87, Mat´s). Iván afronta o Mundial nunha tempada excepcional para el, polo que afronta a competición con moita ilusión e confianza e contento co sorteo que lle tocou aínda que “no Mundial non te podes confiar, porque todos os rivais son duros”. O seu primeiro contrincante será Jerry Luis Vázquez Ortiz (Porto Rico) e o galego confía no seu traballo para acadar un gran resultado no Mundial.

 

Pola súa banda, Tania Castiñeira chega ao seu primeiro Mundial absoluto con moita ilusión, xa que “foi un gran ano para min a nivel de crecemento deportivo e mental e espero que se vexa reflectido no tapiz”.

No primeiro combate, Tania, que parte como cabeza de serie número 9,  enfrontarase a Yun ci Pan, de China Taipei e confía en que todo o traballo realizado e a ilusión coa que afronta o Mundial lle permitan facer un gran papel.

 

E rematará a participación galega con Alma Pérez (-53, Suh Sport), tamén debutante, e que sairá a competir o día 18. Alma destacou as dúas semanas de concentración en Serra Nevada, que “nos serviron a todos para centrarnos no obxectivo”. Agora, “o traballo xa está feito, só queda desfrutar do campionato, que está a ser un espectáculo, da experiencia e da cidade”. Alma debutará, se non hai cambios, contra a gañadora do combate entre Maimouna Konate (Mali) e Sin vi Law (Hong Kong).

 

Estaremos moi pendentes deles, aos que lles desexamos a mellor das sortes!!

Print Friendly, PDF & Email