Esta fin de semana (3 e 4 de outubro, Pavillón Municipal do Rosal) celebrarase o X Open Internacional Vila de Moaña de combate, técnica e freestyle, que un ano máis acada un récord de participación con máis de 900 inscricións. Será o primeiro torneo da presente tempada en Galicia e ademais forma parte do circuíto do ranking galego, tanto na modalidade de combate como en poomsae e freestyle.

En total serán 900 participantes de máis de 40 clubs de toda a xeografía galega, do norte de Portugal, Asturias, Andalucía, Madrid, Castela a Mancha e Castela e León. A isto hai que sumarlle 90 técnicos de combate e 40 de poomsae, ademais dos 40 xuíces de combate e 35 de poomsae.

O sábado 3 de outubro celebrarase a competición de combate con 553 taekwondistas, mentres que o domingo será a quenda para a técnica, freestyle e, por primeira vez nesta edición, o parataekwondo. En total o domingo competirán 356 deportistas. Haberá 6 pistas no pavillón e contará con material electrónico de última xeración e vídeo replay. Outra das novidades desta décima edición é que o torneo será retransmitido por streaming na páxina da Federación Española pola plataforma UPTKD.

O Club Patiño é o organizador por delegación da Federación Galega de Taekwondo, xunto ao Concello de Moaña, e ademais conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.

Print Friendly, PDF & Email