Mañá arrincará o Campionato de Europa sub 21 de Bucarest (do 7 ao 10 de decembro), no que contaremos coa presenza de nove taekwondistas galegos. Representando ao taekwondo galego, e como consecuencia dos magníficos resultados acadados ao longo da tempada, estarán en Romanía Helena García (-73, Dobok), Samuel Meilán (-58, Tao), Silvia Otero (-49, Mat´s), Noa Romero (-49, Natural Sport), Desireé Rivadulla (-73, Suh Sport), Irene Montemuiño (-62, Natural Sport), Adrián Salanova (-68, Maniotas), Sergio Troitiño (-87, Mat´s) e Javier Otero (-54, Kae Sport), e acompañados pola técnica Belén Asensio. E non queremos esquecer a Mateo Boudjenane (-68, Boudsport), que quedou fóra por unha lesión.
Actualmente xa está en Bucarets o primeiro grupo formado por Javier Otero, Desiree Rivadulla, Helena García e Samuel Meilán, que serán os primeiros en competir. Mañá xoves será o momento de Desiree Rivadulla e Javier Otero, que hoxe realizaron a pesada e adestraron con normalidade.
Para Otero, do Kae Sport, é o primeiro Europeo sub 21, xa que aínda está na categoría júnior. Por iso, afronta o compromiso con moitas ganas, pero cos pes no chan, “Aínda que me vexo preparado para a competición, non o vexo tanto como para sacar un resultado, senón como para coller experiencia nesta categoría e para aprender e desfrutar do que fago. Iso si, con total seguridade, vou tentar facelo o mellor que poida para poder conseguir un bo resultado”. No seu peso hai 34 participantes e o primeiro combate será ante Zack Sarsoza (Gran Bretaña).
Pola súa banda, Desi ten máis experiencia, e así nos explicou que “o principal objetivo é desfrutar porque é o meu último Europeo sub21 e quero quedarme cun bo sabor de boca. E despois, se podemos facer un bo papel e sacar unha medalliña, mellor que mellor”. A deportista do Suh Sport enfrontarase no primeiro combate á gañadora da eliminatoria Sozou (Chipre)-Helviga (Latvia)
O venres será a quenda para Samu Meilán e Helena García e mañá viaxa o segundo grupo, no que estarán o resto dos galegos, que competirán durante a fin de semana.