Javi Otero (-54, Kae Sport) e Desiree Rivadulla (+73, Suh Sport) caeron hoxe na primeira eliminatoria do Europeo sub 21, que se está a celebrar en Bucarest do 7 ao 10 de decembro.

 

Javi perdeu fronte a Zack Sarsoza (Gran Bretaña), nun combate no que o vigués comezou ben e incluso reclamou una acción arriba, pero desgraciadamente perdeu a tarxeta. E a partir de aí foi cando Sarsoza comezou a puntuar para impoñerse con claridade no primeiro asalto. O segundo estivo moito máis controlado e axustado, de forma que o round finalizou con empate e tivo que decidirse por decisión arbitral, que fallou a favor do británico. Foi a primeira participación de Javi nun Europeo desta categoría (aínda é júnior), así que é unha experiencia para seguir medrando e crecendo.

 

Pola súa banda, Desi Rivadulla tamén quedou eliminada no primeiro combate, fronte a Victorija Helviga (Latvia) en dous asaltos. No primeiro, Desi non estivo cómoda e a súa rival gañou con facilidade. Pero o segundo round estivo moi igualado, case ata o final. Pero cando puntuou Helviga a falta de menos dun minuto, a galega tivo que arriscar e así aumentaron as distancias.

 

Mañá será a quenda para Helena García (Dobok, -73) e Samu Meilán (Tao, -58). Helena, a pesar da súa curta idade, xa ten experiencia internacional, con dous Europeos júnior ás costas (e dous bronces) e outra participación no Europeo sub 21. Helena contounos que “estou un pouco nerviosa por querer saír xa e estar un día enteiro de competición, pero con moitas ganas”. Xa coñecemos o cadro de competición, pero Helena indicou que non coñece a ningunha das taekwondistas que van polo seu lado do cadro. Comezará a competición fronte a italiana Aurora Ceccantini.

 

O segundo galego en competir mañá será Samu Meilán, que afronta o Europeo coa máxima confianza e con ganas de realizar 5 combates, o que significaría chegar á final. Hoxe realizou a pesada sen problema algún e so pensa en mañá. Samu xa ten experiencia internacional, ao participar nun Europeo cadete e noutro júnior de pesos olímpicos. O primeiro rival será o austríaco Michael Neubauer e afróntao coa máxima ilusión.

 

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email