Esta fin de semana (18 e 19 de febreiro) celebrarase en La Nucía (Alacante) o Campionato de España absoluto de combate, o das diferentes categorías de técnica e freestyle e o de parataekwondo. O equipo galego está formado por deportistas xa consagrados, pero tamén conta con taekwondistas moi novos que renderon a un nivel espectacular nas categorías inferiores. Na expedición galega, formada por máis de 100 persoas, tamén hai que destacar a presenza de 6 árbitros/as e 14 adestradores/as.
Campionato de España de Técnica. Dispútase o sábado (técnica) e o domingo (parellas e tríos en técnica e freestyle) coa participación de case 60 taekwondistas galegos, que tratarán de manterse no máis alto. Ademais este ano o torneo conta cunha altísima participación.
No campionato de España do pasado ano, celebrado tamén en La Nucía, a Federación Galega de Taekwondo logrou o primeiro posto na clasificación xeral por equipos tanto en técnica como en freestyle e as e os nosos deportistas tratarán de revalidar o título.
Na seguinte ligazón podedes ver a convocatoria.
https://www.taekwondogalego.es/cpto-espana-tecnica-freestyle-18-02-23/
Tamén se celebrará o Campionato de España de parataekwondo e a Federación Galega tamén leva á súa selección, formada por catro deportistas e unha técnica.
https://www.taekwondogalego.es/cpto-espana-paratkd-poomsae-19-02-23/
Campionato de España de Combate Sénior. O sábado 18 celebrarase o Campionato de España de Combate Sénior, coa participación de 26 deportistas (14 mulleres e 12 homes). Entre os convocados, destaca a ausencia de Iván García, por lesión. Iso si, defenderán o título dos anos 2021 e 22 Arlet Ortiz e Tania Castiñeira e tamén contaremos con taekwondistas tan destacados/as como Sara Cortegoso, Alma Pérez, Pablo Patiño, Ainoha García, Miryam García ou Dessi Rivadulla. Ademais destaca a incorporación de taekwondistas moi novos como Javi Otero, Helena García, Adrián Salanova ou Sergio Troitiño, entre outros.
Ano 2022. O pasado ano, Arlet Ortiz (-57 Mat´s), Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Iván García (+87, Mat´s) lograron o ouro no Campionato de España celebrado en La Nucía. Ademais, Galicia sumou dúas pratas (Alma Pérez e Ainoha García) e 6 bronces (Pablo Patiño, José Fernández Rey, Aitana Fariña, Miryam García, Cloe Iglesias e Desireé Rivadulla). Con estas medallas, Galicia logrou a segunda posición na clasificación xeral por equipos femininos, mentres que foi cuarta na clasificación masculina e na xeral.
A continuación tedes a convocatoria.
https://www.taekwondogalego.es/cpto-espana-absoluto-18-02-23/