Segundo e último día do Campionato de Europa de Técnica, Freestyle e Parapoomsae, que se está a celebrar en Tallín, e éxito absoluto do taekwondo galego que sumou nesta xornada un total de cinco ouros, dúas pratas e dous bronces.
En técnica, revalidou o título de campión de Europa o trío 1 masculino, formado por Carlos Rey, Alejandro Losada e Marco García. O equipo galego venceu por diante de Alemaña, que foi prata, mentres que os bronces foron para Francia e Turquía. Por certo, que o equipo galego venceu na semifinal a Francia, coa que perdera no Open de Bélxica hai unhas semanas. Tiñan ganas de “revancha” e chegou no mellor sitio.
Ademais, a parella formada por Laura Álvarez e Daniel Areán estreouse nun Europeo sénior ao grande, cunha medalla de ouro e logrando na final as notas más altas de todo o campionato (8,4 e 8,4). Excepcional papel do dúo galego, ao que non lle pesou o debú e fixo unha actuación impecable, quedando por diante de Noruega (prata); Suecia e Italia (bronces). Ademais, hai que destacar que nos cuartos de final enfrontáronse a Turquía, un dos grandes favoritos, e foi unha loita moi fermosa entre dous equipos enormes.
E na categoría júnior, o trío masculino (Hugo Arnoso, Mateo Fernández e Aitor Teijeiro) tamén subiu ao máis alto do podio nunha final do máis alto nivel. O equipo galego dominou por riba de Turquía, que quedou na segunda posición; Reino Unido e Ucraína (bronces). Dúas medallas para Hugo, que onte tamén subiu ao podio co quinteto.
Seung Han Shin segue nesa racha de éxitos co trío 51-60, xunto ao catalán Antonio Moreno e o valenciano Bernardo. Hai uns meses lograron o ouro no Mundial e agora tocou conseguir o título europeo en Tallín, con outra actuación de escándalo.
Ouro tamén para Esperanza Fernández en Trío 51-60, xunto a dúas compañeiras doutras comunidades (a valenciana Isabel Gómez e a madrileña Bea Castellanos), como xa fixera no Mundial de Hong Kong. O trío superou a Gran Bretaña e logrou a primeira posición no Europeo.
O trío júnior feminino español, no que participaba a galega Jessy Sun Shin Veiga xunto a Noa Zarate e Noa Campillo, logrou a medalla de prata, mentres que a parella de + 60 anos, con Bea Queiró e Manuel Sanmartín, alcanzou o bronce. Foi a segunda medalla en Tallín para Bea, que o día antes lograra proclamarse campioa de Europa individual na súa categoría.
Freestyle
Despois dos éxitos dos quintetos de onte, hoxe foi a quenda para Rubén Galdó a nivel individual (+18), quen acadou a medalla de prata por detrás de Turquía. Tamén é a segunda prata no Europeo para Rubén, que onte subiu ao podio co quinteto.
E rematamos o bronce conseguido pola parella -17 anos formada por Pepe Soto e Nadia Blanco, que sumou un bronce máis para o taekwondo galego e tamén é a segunda presea a nivel persoal para Nadia, que onte participou na prata do quinteto -17.








