Galicia xa ten a súa primeira medalla no Campionato do Mundo de Poomsae de Chuncheon. Beatriz Queiro (Omnihum), formando parella co catalán José Manuel Marín, proclamouse subcampioa do mundo na categoría de parellas de máis de 60 anos, nunha xornada na que a galega volveu demostrar que está entre as mellores especialistas mundiais da súa categoría.

 

A parella galego-catalá iniciou a competición cunha vitoria ante Gran Bretaña e continuou o seu camiño superando posteriormente a Rusia e Austria, resultados que lle permitiron alcanzar a final. Na loita polo título mundial, Beatriz Queiro e José Manuel Marín Fernández enfrontáronse a Alemaña, ante a que finalmente lograron a medalla de prata.

 

Unha prata que ten, ademais, un significado especial: é a segunda medalla mundial consecutiva de Beatriz Queiro nesta categoría e xunto ao mesmo compañeiro. No Mundial de Hong Kong 2024, a galega e José Manuel Marín xa subiran ao podio, daquela para colgarse a medalla de bronce.

 

Dous anos despois, a parella mellora aquel resultado e alcanza a prata en Chuncheon, nunha competición que reúne os mellores especialistas internacionais de poomsae e na que participan 34 taekwondistas galegos.

 

Máis participacións galegas na xornada

A xornada deixou tamén boas actuacións de varios representantes galegos. Na categoría sénior 1 feminina, Laura Álvarez (Neka) superou o primeiro enfrontamento ante Polonia, pero non puido avanzar á seguinte rolda tras caer ante Estados Unidos.

 

Tamén conseguiu superar un primeiro enfrontamento o trío 1 masculino, formado polos galegos Alejandro Losada, Marco García e Carlos Rey (Neka). O equipo venceu a Gran Bretaña, pero quedou fóra na seguinte rolda ante Irán, nun duelo moi igualado.

 

No trío cadete masculino, Julián Pumar (Han´s Horang I), Brais Lombardero e Hugo Sánchez (AC Sarria) non puideron superar a primeira liguiña, na que se enfrontaron a Australia.

 

Pola súa banda, en freestyle, o quinteto -17 formado por Manuel Montero, Nadia Blanco, Alba Caridad, Hugo Arnoso e Adrián Vidal, todos eles do Taekwondo Sada, con Iván Pena como suplente, rematou na sexta posición entre os equipos participantes.

 

Última xornada con presenza galega

O Mundial de Chuncheon encara xa a súa última xornada de competición, que volverá contar cunha ampla representación galega.

 

No Freestyle Quinteto +17 competirán Inés Abuín, Irea Abuín, Rubén Galdo, Pepe Soto (Taekwondo Sada) e Miguel Barreiro (Yidam-CEIP Balaídos), con Xulia González (Yidam-CEIP Balaídos) como suplente.

 

Beatriz Queiró volverá ao tapiz na categoría individual de menos de 65 anos, mentres que Laura Álvarez e Daniel Areán (Neka) competirán na Parella 1.

 

A representación galega completarase con Mateo Fernández (AC Taekwondo Sarria), no Trío Júnior Masculino, e Jessy Sun Shin (Han´s Horang I), no Trío Júnior Feminino.

 

Así, Galicia chega á última xornada de Chuncheon xa no medalleiro mundial, cunha prata que supón o segundo podio consecutivo de Beatriz Queiró e que confirma o alto nivel do taekwondo galego nunha das grandes citas internacionais da tempada.

Print Friendly, PDF & Email