Beatriz Queiro (Omnihum) volve subir ao podio no Mundial de Poomsae de Chuncheon, que rematou hoxe. Despois de conquistar o día anterior a medalla de prata en Parellas +60 xunto ao catalán José Manuel Marín, a deportista viguesa pechou a súa participación mundialista cun novo metal, neste caso o bronce na categoría individual feminina de -65 anos.
A galega, campioa de Europa en Máster 3 en Tallín 2025, comezou a competición cunha vitoria ante a representante de Brasil e caeu despois nas semifinais fronte a Australia, un resultado que lle permite sumar a súa segunda medalla neste Mundial, despois da prata conseguida xunto a Marín. Unha actuación que, ademais, dá continuidade ao podio logrado por ambos no Mundial de Hong Kong 2024, onde foron bronce.
Pero a última xornada tamén deixou varias participacións galegas que quedaron moi preto das medallas.
En Parellas 1, Laura Álvarez e Daniel Areán (Neka) protagonizaron un gran percorrido. Venceron a Finlandia na primeira rolda, superaron despois a Marrocos e tamén se impuxeron a Xapón, logrando o pase aos cuartos de final. Alí atopáronse con Tailandia, nun enfrontamento moi igualado que rematou coa eliminación da parella galega. Os tailandeses acabarían proclamándose campións do mundo.
O trío júnior feminino, formado por Jessy Sun Shin (Han´s Horang I), xunto á aragonesa Nía Zárate e á balear Noa Cambillo, protagonizou tamén un gran percorrido. O equipo superou os seus dous primeiros enfrontamentos, ante Finlandia e Myanmar (Birmania), antes de caer nos cuartos de final fronte a Corea, quedando así ás portas da loita polas medallas. Ademais, hai que destacar que Corea acadou o ouro finalmente.
O trío júnior masculino, integrado por Mateo Fernández (AC Taekwondo Sarria), o catalán Guillem Bonilla e o madrileño Alberto Casteo, caeu no seu primeiro enfrontamento ante Estados Unidos por unha diferenza mínima na puntuación.
Pola súa banda, en freestyle, o quinteto +17, formado por Inés Abuín, Irene Abuín, Rubén Galdo, Pepe Soto (Taekwondo Sada) e Miguel Barreiro, con Xulia González (Yidam-CEIP Balaídos) como suplente, rematou na oitava posición do seu grupo.
Con esta segunda medalla, Galicia pon o broche á súa participación en Chuncheon con dous metais: a prata de Beatriz Queiro e José Manuel Marín en Parellas +60 e o bronce individual de Bea en -65.
Fantástico traballo de todas e todas! O taekwondo galego está moi orgulloso do voso traballo!!








