O Campionato Autonómico Escolar de Combate reunirá o sábado 3 de maio no pavillón municipal de Barraña en Boiro ás promesas do taekwondo galego. Participarán 350 nenos e nenas que se clasificaron nas fases provinciais que se celebraron nas últimas semanas. A competición iniciarase ás 10:00 horas e transcurrirá en xornada de mañá e de tarde.
O torneo reunirá a rapaces e rapazas das categorías infantil, precadete e cadete. A xornada dará comezo coa competición cadete masculino e feminino e ao remate iniciarase o precadete masculino. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, terá lugar a competición de categoría infantil masculino e feminino e rematará coa disputa dos combates de precadete feminino. O torneo desenvolverase simultáneamente en seis pistas.
Para clasificarse para o Galego, as e os deportistas tiveron que quedar na metade mellor clasificada nas fases provinciais, que se celebraron ao longo do mes de abril en Santa Comba, Cambados, Lugo e Ourense. Esta actividade forma parte do programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.
A competición está organizada polo Club Malamía de Boiro, supervisada pola Federación Galega de Taekwondo, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Boiro. A entrada será de balde.








