Medalla galega no Mundial de Técnica e Freestyle de Korea! A parella júnior formada por Laura Álvarez e Daniel Arean (Neka) logrou subir ao podio despois de facer unha magnífica competición na que foron de menos a máis.

 

Na rolda preliminar, celebrada no día de onte, acadaron o pase ás semifinais en segunda posición, por detrás de Filipinas. Nas semifinais conseguiron clasificarse para a final, que se celebrou hoxe, como cuartos clasificados. E amosaron nervios de aceiro para seguir avanzando. Nos cuartos tiñan como rivais a Vietnam e Laura e Dani non dubidaron cun traballo case perfecto, tanto en sincronización como técnica. Así acadaron a medalla de bronce. Na loita para meterse na final, tiveron como rivais a China Taipei, o rival máis duro posible, e a pesar de facer un fantástico traballo, China Taipei logrou superalos e despois acadar a medalla de ouro.

 

Laura e Dani son, sen dúbida algunha, unha parella dun gran futuro, tal e como están a demostrar. O pasado ano acadaron a medalla de prata no Europeo de Portugal e este ano, na súa primeira participación nun Mundial, foron quen de subirse ao podio, sendo a única parella europea que logrou facerse un oco entre os privilexiados que suman medallas.

 

Hoxe tamén disputou a final a parella cadete, formada por Lucía Roca e Aitor Teijeiro (Neka), que tiñan como rivais nos cuartos de final a México. Os galegos non puideron superar aos mexicanos e remataron o Mundial nunha fantástica sétima posición.

 

E esta non foi a única participación galega no día de hoxe. En técnica, na categoría de sénior 1, Tomás Fernández (Tao) caeu na segunda rolda ante o durísimo representante de China Taipei. Fantástico o traballo do noso representante, que so foi freado por unha potencia mundial.

 

Tamén hai que destacar a magnífica actuación do trío júnior masculino, formado por Marco García, Dani Areán e Mario, un taekwondista de Murcia. Lograron o pase a final na oitava posición e no cruce de cuartos enfrontáronse a Korea, o equipo local, e a pesar da incrible actuación do equipo español, enfronte estaba Korea que fixo imposible seguir avanzando. Remataron na sexta posición.

 

Por último, tamén houbo competición en freestyle e con galegos en liza. En individual +18 anos, Celia García (Tao) rematou na décima posición, mentres que en parella -17 anos, Irea Abuín e Rubén Galdo (TKD Sada) acadaron o pase á final como oitavos clasificados.

 

 

Print Friendly, PDF & Email