Primeiro día de competición nos Multi European Games 2021 que se están a disputar en Sofía (Bulgaria) e dúas medallas para o taekwondo galego. Ada Hermelo (-33, Hebe) e Nadia Bouzas (-37, Kae Sport) acadaron o bronce nesta competición e quedaron moi preto de conseguir a clasificación para o Europeo desta categoría (os dous primeiros clasificados terán un posto no Europeo).

 

Ada Hermelo (-33, Hebe) comezou a competición contra a deportista local Elina Krumova, e a galega deixou de lado os nervios e venceu por 15-6. Así garantía unha medalla, pero Ada quería seguir avanzando e na semifinal esperaba a ucraína Anastasiia Volosenko. Foi un gran combate, moi disputado, no que Ada loitou ata o final, pero non puido superar a Volosenko (27-23).

 

En -37, Nadia Bouzas (Kae Sport) tamén logrou subir ao podio. Na primeira rolda foi tremendamente superior á suíza Leona Morina para avanzar cara aos cuartos de final, onde esperaba a alemá Johanna Rommel. Foi un combate duro e moi axustado que tivo que decidirse no punto de ouro, onde a galega foi máis efectiva para lograr a vitoria e, a vez, garantir a medalla de bronce. Na semifinal tivo como rival a Hayrunisa Gurbuz (Turquía) e a nosa Nadia, pese a súa magnífica actitude e valentía, nun puido parala na súa traxectoria impecable cara ao ouro. Magnífica medalla de bronce para Nadia.

 

O terceiro competidor galego no día de hoxe foi Pablo Torrado (-41, Suh Costado). O taekwondista galego venceu en primeira rolda a Alexandru Fara (Romanía) por máis de vinte puntos (27-6) e avanzou ata oitavos de final onde tivo a mala sorte de enfrontarse ao búlgaro Stanislav Mitkov, que foi o ouro do torneo. Pablo plantou cara e loitou ao máximo, pero non puido continuar a súa aventura no torneo.

 

Mañá será o momento de Noa Romero (-44, Natural Sport), e así pecharase a competición cadete, nestes xogos, onde tamén haberá competición júnior e sénior.

Print Friendly, PDF & Email