O taekwondista galego suma tres podios consecutivos neste inicio de tempada tras unha gran actuación en Belgrado, onde estivo preto de disputar a súa terceira final consecutiva.
Adrián Salanova (-68, Maniotas) conquistou a medalla de bronce no Open de Serbia, celebrado en Belgrado, e prolonga así o seu excelente inicio de tempada, no que xa suma tres podios consecutivos. O galego volveu demostrar o seu gran momento de forma nun campionato de nivel excepcional.
Salanova iniciou a competición superando en dous asaltos ao seu rival Luka Angelov (Macedonia) nos oitavos de final. Nos cuartos agardábao un vello coñecido: o seu compañeiro da selección española Adrián Vicente, ao que tamén conseguiu vencer para asegurarse un posto nas semifinais.
Nesa rolda, o galego protagonizou un espectacular combate fronte ao serbio Milos Mandic, que se resolveu no terceiro asalto a favor do deportista local. Unha derrota por unha marxe mínima que deixou a Adrián ás portas de disputar a súa terceira final consecutiva nesta arrincada de tempada.
Esta vez, ademais, Adrián contou cun acompañante moi especial na cadeira de coach. Despois de case catro anos sen acompañalo nas competicións internacionais, o seu pai e adestrador, Chema Salanova, viaxou ata Belgrado para exercer tamén de técnico durante o torneo.
Pola súa banda, Javi Otero (-54, Natural Sport) quedou ás portas das semifinais tras caer nos cuartos de final ante o moldavo Artiom Rosca. O galego comezou con forza, vencendo en dous asaltos ao seu rival de Serbia nos oitavos, pero non puido superar a Rosca, que se impuxo tras gañar o primeiro asalto Javi e levar os dous seguintes.
Noraboa rapaces!








