Fantástico inicio do Mundial Júnior para o taekwondo galego! A deportista do Natural Noa Romero logrou a medalla de bronce en -52 quilogramos feminino e para iso tivo que gañar catro combates e só perdeu na semifinal ante a representante de Irán. Pola súa banda, Ikaterina Rebón (-59, Número Phi) caeu na segunda rolda.

 

Noa Romero fixo un total de cinco combates para acadar esa espectacular medalla de bronce (había 47 taekwondistas neste peso). Na primeira rolda enfrontouse a Sheraly Eleanora (Kazajstán) e a galega venceu en tres asaltos; a continuación tivo como rival a Aryna Zhuk e Noa superou a eliminatoria en dous rounds. Nos oitavos de final esperaba Nina Stojanovic (Serbia), unha vella coñecida para Noa, pero a galega soubo levar á perfección o combate para vencer en dous asaltos. E nos cuartos, eliminatoria chave para conseguir medalla, loitou ante Khadija Waleed Elbaz (Exipto). Foi un combate duro e axustado que se decidiu no terceiro asalto (2-1). En semifinais, xa coa medalla no peto, esperaba Partnian Noori (Irán), unha taekwondista máis alta e forte e cun gran control da perna dianteira. O primeiro asalto quedou empatado a 4 e Noa perdeuno por unha penalización, e xa no segundo, a iraní logrou poñerse por diante dende o inicio e, a pesar de que Noa nunca se rendeu, foi imposible igualar. Partnian Noori proclamouse finalmente campioa do mundo.

 

Pola súa banda, Ekaterina Rebón comezou a competición ante a alemá Aish Bangura e a galega venceu en tres asaltos para seguir avanzando nun peso formado por 44 competidores. En segunda rolda enfrontouse a Nuray Kaznabek (Kazajstán), nun combate durísimo. No primeiro asalto venceu Kaznabek con comodidade, pero o segundo estivo tremendamente disputado e so se decidiu a favor de Kazajstán nos últimos segundos.

 

Noraboa rapazas!

 

Print Friendly, PDF & Email