Dous bronces galegos para rematar o Europeo sub 21 de Bucarest! Adrián Salanova (-68, Maniotas) e Irene Montemuíño (-62, Natural Sport), facendo unha competición absolutamente excepcional, lograron dous bronces que saben a gloria, obsequiándonos con combates memorables.

 

Porque ninguén pense que foi sinxelo. Ambos pesos tiñan moitos competidores, de forma que  Salanova tivo que facer cinco combates E Irene catro. Pero imos por partes.

 

Adrián Salanova (-68, Maniotas) no primeiro asalto deu bo conta do alemán Daniel Muntaniol. O primeiro asalto estivo máis igualado, pero sempre co galego por diante e controlando as distancias. Pero no segundo, Adrián saíu decidido a non dar a máis mínima opción ao rival e foi a por todas dende o primeiro segundo.

 

En segundo rolda esperaba o ucraíno Vladyslav Obodzinskyi, que librara a primeira rolda, polo que chegaba descansado, pero pouco se notou esa diferenza. O primeiro asalto  foi para Adri, mentres que o segundo, tremendamente igualado, caeu a favor do ucraíno, pero no desempate, o galego non deu opción algunha e saíu moi enchufado para vencer por diferenza de 12.

 

En oitavos de final, Salanova enfrontouse a Benjamin Husic (Bosnia) e novamente o combate resolveuse en tres rounds. No primeiro, moi igualado, impúxose o bosnio, pero o segundo foi un paseo para o galego, que finalizou cun terceiro asalto moi controlado e claro para o noso taekwondista.

 

Así chegou aos cuartos de final, onde estaba en xogo a medalla e o rival era o sueco Linus Vesterlund. Salanova mostrou unha gran serenidade nos momentos máis complexos para impoñerse en tres asaltos e remontando tras perder o primeiro.

 

Bronce confirmado por Adri, que aínda así quería máis.  A semifinal ante Luka Raskovic (Eslovaquia) foi moi dura e axustada. No primeiro asalto, Raskovic estivo un pouco máis cómodo, pero no segundo, o galego foi sempre por diante no marcador ata os últimos segundos, nos que remontou o eslovaco. Fantástico papel de Adri, quen nos contou as súas sensacións: “Como valoración xeral foi un campionato moi bo, con boas sensacións en todos os combates e moi agradecido de poder ver reflectido o traballo de tanto tempo. Sempre doe perder e máis cando te xogas un Europeo, pero para o ano que ven volveremos a por máis”.

 

E de medalla en medalla. Irene Montemuíño tamén logrou subir ao podio despois dunha actuación espectacular, e iso que arrastraba unha escordadura de nocello da concentración que realizar no CAR de Madrid hai un par de semanas.

 

Tamén nun peso con moitas participantes, comezou a competición  fronte á chipriota Antreana Achilleos. A pesar de que as sensacións de Irene non foron as mellores, o certo é que controlou o combate a perfección e logrou resolvelo en dous asaltos.

 

Nos oitavos de final esperaba Nihada Hodzic (Bosnia) e novamente Irene soubo usar as súas armas para lograr a vitoria en tres asaltos (2-1). Nos cuartos de final enfrontouse á turca Sevval Cakal, unha rival moi alta e con bo manexo da perna. Foi unha loita moi complicada, de tres asaltos de moita concentración, e que lle deron á nosa deportista unha medalla de bronce máis que merecida polo bo traballo realizado.

 

Na semifinal esperaba Luana Márton (Hungría), unha deportista moi coñecida para Irene, porque adestra e compite en España, e do máximo nivel, no en vano proclamouse campioa do mundo sénior este mesmo ano en Azerbaián. Luana, con moita intensidade, logrou a vitoria en dous asaltos, a pesar dos intentos de Irene de frear á súa rival.

 

E tamén puidemos falar con Irene que que explicou que “estou moi contenta, porque é un campionato bastante difícil e ademais o meu peso é sempre moi complicado. Penso que o soubemos xestionar ben e así logrei a primeira medalla nun Campionato de Europa. Estou moi feliz por este bronce”.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email