Tamén nas categorías cadete e júnior o taekwondo galego brillou na President´s Cup Europe, que se celebrou estes días en Nuremberg. O cadete Dmytro Kushniruk e o júnior Yago Sande lograron a medalla de bronce e ademais Sande acadou a clasificación para o Campionato de Europa sub 21. A selección galega viaxou con Daniel Torrado e Rubén Taboada, seleccionadores galegos cadete e júnior. Ademais, tamén hai que destacar a presenza dos árbitros galegos Adrián Maceiras e Conchy Martínez.
Júnior
Yago Sande (-48, Maniotas) acadou a medalla de bronce e a clasificación para o Campionato de Europa Sub-21. O galego venceu nos cuartos de final a Jonathan Daniel Dargie (Polonia) en dous asaltos e logrou así o pase para as semifinais onde esperaba Óscar Louis Delvaux (Bélgica). Neste combate o noso deportista non puido co belga e caeu en dous rounds.
Tiago Torea (-59, JFR) ocupou a quinta posición no torneo. Superou na primeira rolda con claridade ao turco Patlar e perdeu despois co ucraíno, que foi a medalla de ouro na President´s Cup.
Saúl Miguens (-63, Maniotas) quedou en 9º lugar tras vencer a Tymoteusz Chybinski (Polonia) en dous asaltos e caer ante Miguel Ángel Sánchez (España), quen finalmente logrou a medalla de ouro na President´s Cup.
Roi Fraga (-73, Número Phi) caeu na primeira rolda contra Polonia nun combate tremendamente axustado, que se decantou a favor do seu rival nos últimos segundos.
Nahur Salas (+78, Sares) perdeu en cuartos ante o representante da Selección de Turquía, quedando en 5ª posición.
Cadete
Na categoría cadete, o bronce foi para Dmytro Kushniruk (-53, TK Denodo). O taekwondista galego gañou a Silas Anel-Fernández (Alemaña) en primeira rolda en dous asaltos e posteriormente ao español Jorge Barroso, nun combate máis axustado que se decidiu en tres asaltos. Na semifinal perdeu en tres asaltos e só dun punto ante o grego Nikolaos Kalfagiannis. O pase á final en cadete daba automaticamente praza no Europeo Cadete, polo que Dmytro quedou ás portas da clasificación.
Ainara Piñeiro (-33, Natural Sport) logrou a quinta posición, moi preto dos metais, tras gañar con folgura a súa primeira rolda.
Gabriel Amado (Maniotas, -49) fixo o propio, 5º posto, tras gañar a Luis Wetzstein (Alemaña) e perder no pase a medallas ante o tamén galego Pablo Suárez, que viaxaba co seu club JFR, quen despois acadaría a medalla de bronce.
Pablo Suárez tivo que superar tres roldas para conseguir subir ao podio. Na primeira eliminatoria venceu a Alexander Stein (Alemaña) e posteriormente ao moldavo (ambos en dous asaltos), para enfrontarse nos cuartos de final a Amado, co que tivo unha loita moi axustada que se decidiu en tres asaltos (2-1). Na semifinal caeu ante o turco Sefa Yilmaz, que finalmente acadou a medalla de ouro.
Alba Figueira (-47, Boudsport) gañou dous combates a rivais de Suíza e Turquía, e perdeu nun axustado combate contra Alemaña, acadando outro 5º posto para a delegación galega.
Valeria Mallo (+59, Taekanart) non puido pasar da primeira rolda ante unha rival polaca. E co JFR tamén viaxou Erea Rábade (-51), que perdeu na primeira rolda ante Turquía.








