O Campionato Galego Promesas e Máster de combate, que se celebra o sábado 22 de marzo no pavillón do Gatañal (Cangas), superará ás 800 inscricións, entre deportistas, membros do colectivo arbitral e corpos técnicos, pertencentes  a máis de 40 clubs de toda Galicia. Esta será a 15 edición do Galego de Promesas que se celebra no  Gatañal, converténdose nunha cita xa tradicional.

 

O campionato, que terá lugar o sábado no Pavillón Municipal de O Gatañal en oito pistas, transcorrerá en horario de mañá (a partir das 09:00 horas) e tarde (dende ás 16:00). Pola mañá celebrarase a competición das categorías máster, júnior, cadete avanzado e precadete, mentres que pola tarde será a quenda das categorías absoluto, cadete iniciación e infantil. Este torneo reúne aos deportistas emerxentes, a aqueles con menos experiencia competitiva, deixando fóra ás primeiros espadas, xa que por regulamento os primeiros postos do ranking galego e os membros da selección galega ou medallistas nacionais ou internacionais non poden participar. O obxectivo é fomentar a participación dos máis novatos en todas as idades, desde infantil ata os veteranos.

 

A competición está organizada polo Club Sares TKD de Cangas, supervisada pola Federación Galega de Taekwondo e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Cangas. Entrada e inscrición de balde.

 

Print Friendly, PDF & Email