Carla Sesar e Tomasa Franco pecharon esta fin de semana no Open de Polonia a súa clasificación para o Europeo Júnior! Este torneo era o último ranqueable para o Campionato de Europa, e a Federación Galega de Taekwondo viaxou con varios deportistas en busca da clasificación. E, coma sempre, as e os nosos taekwondistas non decepcionaron. Carla Sesar (-55, Natural Sport) logrou a medalla de ouro; Yago Sande (-45, Maniotas) foi prata e Roi García (Número Phi) e Tomasa Franco (-59, Natural) foron bronce.
Para acadar o ouro Carla Sesar gañou catro combates e todos en dous asaltos. Comezou a competición ante a local Hanna Rybak e gañou con facilidade en dous asaltos. Posteriormente, nos cuartos, enfrontouse á tamén galega Irene Rodríguez (Natural Sport Videlgi) e tamén logrou a vitoria sen necesidade de ir ao desempate. Na semifinal esperaba outra representante de Polonia, Nadia Mielcarek, e Carla continuou firme e imparable, cara á final (2-0). No último combate, Sesar superou a Ewa Murzyn (Polonia) tamén en dous asaltos.
Pola súa banda, Tomasa Franco (-59, Natural) acadou a medalla de bronce e tamén a clasificación para o Europeo. Nos oitavos de final tivo como rival a Dilruba Sahan (Finlandia) e Tomasa gañou en dous asaltos e posteriormente enfrontouse á taekwondista catalá Nora El Harche Koning, logrando un triunfo (2-0) que lle permitiu garantir a medalla. Na semifinal caeu derrotada ante a polaca Emilia Hoffmann. Bronce para Tomasa!
Houbo máis medallas galegas. Yago Sande (-45, Maniotas) foi prata e para iso primeiro tivo que eliminar aos taekwondistas españoles José Miguel Martín Pariente e Alejandro García Escandell, nos cuartos de final e na semifinal. A final foi ante Óscar Navarro, que viaxaba coa Federación Catalá, é Yago non puido facerse co triunfo, polo que rematou o Open de Polonia cunha destacada medalla de prata.
Pola súa banda, Roi García (- 68, Número Phi) logrou a medalla de bronce, tras vencer ao eslovaco Naj Augustin (2-0) nos cuartos e perder na semifinal ante Danila Khabarov (España).
Ademais, tamén viaxaron taekwondistas galegos cos seus clubes e hai que destacar o ouro de Aroa Merelas (-47, JFR) na categoría cadete e o bronce de Tiago Torea (-59, JFR) en júnior. Aroa subiu ao máis alto do podio tras vencer en tres combates. Eliminou a Yeva Korol (Ucraína); Lena Salata (Polonia) e Celina Janke (Polonia). Pola súa banda, Tiago gañou ao polaco Leon Tkaczyk¸Arian Jafaripour (Austria) e ao galego Dani Caamaño (Natural). Na semifinal caeu ante Enrique Poblador (España), que se proclamou vencedor do Open de Polonia.








