Do 3 ao 6 de decembro celébrase en Nairobi (Kenia) o primeiro Campionato do Mundo Sub-21 de Taekwondo, unha cita na que Galicia volve ter un peso destacado dentro da selección española. Dos 12 deportistas convocados (6 mulleres e 6 homes), cinco pertencen a clubs galegos, o que converte á Federación Galega na autonomía con maior representación neste evento internacional.
Os taekwondistas galegos convocados son: Carla Sesar (-57 kg, Natural Sport), Helena García (-73 kg, Dobok), Javier Otero (-54 kg, Natural Sport), Adrián Salanova (-68 kg, Maniotas) e Sergio Troitiño (-87 kg, Mat’s). Conseguiron a súa convocatoria grazas aos magníficos resultados acadados ao longo da tempada, tanto no campionato de España da categoría, onde se proclamaron campións, como noutros eventos internacionais. A presenza galega complétase coa participación no corpo técnico de Jesús Benito, adestrador do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.
No plano deportivo, Carla Sesar e Helena García serán as primeiras en competir, mañá 4 de decembro. O venres 5 será a quenda de Javier Otero, mentres que Adrián Salanova e Sergio Troitiño pecharán a participación galega o sábado.
Neste primeiro Mundial sub 21 participarán 452 taekwondistas, que representan a 75 países, ademais do Equipo de Refuxiados e dos Atletas Individuais Neutrais (AIN).








