A taekwondista galega Carla Sesar (-55, Natural Sport Ribeira) pecha a tempada cunha fantástica medalla de bronce no Festival Olímpico da Xuventude Europea (FOJE), que se está a celebrar estes días en Skopje (Macedonia).
Carla comezou a súa participación con moi boas sensacións, impoñéndose con solvencia á representante suíza Sophie Lewis por 2-0 (16-8, 16-3): “Saín bastante ben para ser a primeira toma de contacto. Houbo algúns erros, pero o combate foi ben levado”, explicou a propia deportista.
No segundo combate enfrontouse á austríaca Julia Pomper, tamén con vitoria clara por 2-0 (13-4, 18-5), a pesar dunha longa espera provocada por un parón no campionato debido ao calor: “Estiven case cinco horas agardando entre combates, pero saín moi centrada e conseguín dominar dende o principio”, contou Carla.
No duelo polo pase a medalla, derrotou á local Dushica Breslieva (Macedonia) por outro contundente 2-0 (13-2, 15-3), asegurándose así o bronce.
Xa nas semifinais, tocoulle enfrontarse á búlgara Erika Karabeleva, quen remataría proclamándose campioa do torneo. O combate foi moi axustado (8-10, 6-8), e malia a derrota, Carla demostrou carácter e calidade: “Foi un combate igualado, cometín algún erro e ela soubo aproveitalo. Aínda así, estou moi contenta co traballo feito. Hai cousas que mellorar e iso tamén forma parte do proceso”, valorou.
Os Xogos Mundiais Universitarios
Ademais do éxito de Carla, seguimos moi pendentes do papel dos nosos representantes nos Xogos Mundiais Universitarios, que se celebraron estes días en Rhein-Ruhr (Alemaña). Aínda que nesta ocasión non chegaron ao podio, todos realizaron un gran traballo:
Desi Rivadulla (+73, Costado) venceu na primeira rolda á mexicana Barrios por 2-0, pero caeu en cuartos fronte á representante de Estados Unidos.
Lois Tomás (-63, Natural) tamén comezou con vitoria ante Yayden Setrodipo (Países Baixos), pero foi eliminado nos oitavos de final polo tailandés Napat Sritimongkol.
Alma Pérez (-53, Costado) superou a primeira eliminatoria ante Weber (EE.UU) por 2-0 e caeu nos cuartos fronte a Ouhoud Ben Aoun (Túnez) nun axustado 1-2.
Agora, tanto Carla coma o resto dos nosos taekwondistas, afrontan un merecido descanso antes de preparar con forza a vindeira tempada.








