A galega Carla Sesar (-55, Natural Sport) acadou a medalla de ouro na President´s Cup de Sofía que arrincou onte coa competición júnior. Ademais, con este resultado, Carla logrou a clasificación para o Campionato de Europa sub 21.
A galega librou a primeira rolda e tivo que esperar horas para poder saír ao tapiz. O primeiro combate foi contra Tsvety Slavova (Bulgaria) e Carla venceu en dous asaltos, nunha loita perfecta para ir quecendo motores. Xa fronte á seguinte rival, Djurdia Bradic (Serbia), a galega comezou sentirse máis centrada e mellor no aspecto físico e seguiu avanzando cun rotundo 2-0 ao seu favor.
Na semifinal esperaba Anna Fossaceca (Italia) e a taekwondista do Natural estivo a un fantástico nivel. Gañou o primeiro asalto con 9 puntos de diferenza e no segundo fixo unha remontada espectacular, xa que a falta de 5 segundos ía perdendo de 8 puntos, pero sorprendeu á súa rival cun xiro arriba e despois outra acción arriba, que lle permitiu gañar o asalto e clasificarse para a final.
Neste último combate a rival era outra italiana, Anna Frassica, e foi o único que se resolveu en tres asaltos. Carla comezou perdendo, pero remontou vencendo os dos seguintes, nunha loita moi dura e axustada.
Carla explicounos que “estou moi contenta co desempeño neste campionato, vendo fallos que se poden mellorar e moi feliz coa clasificación para o Europeo Sub-21”.
Tamén participaron varios galegos que non tiveron a sorte de poder subir ao podio en Sofía. Tomasa Franco (-59, Natural) logrou a quinta posición, despois de vencer en oitavos de final a unha taekwondista grega e tivo moi preto as semifinais, xa que perdeu nos cuartos no terceiro asalto ante a serbia Nina Zecirovic, que finalmente proclamouse campioa da President´s Cup.
En -78 quilogramos, os galegos Luis Fero (Boudsport) e Antón Quintero (Kwon) gañaron o primeiro combate e perderon no segundo. Luis Fero foi no terceiro asalto e nos cuartos de final, mentres que Antón caeu ante o cabeza de serie número 1.
E rematamos con Víctor Videla (-51, Natural), que gañou o seu primeiro combate ante Grecia, pero despois cedeu no segundo ante Turquía.
Noraboa a tod@s!!








