A taekwondista galega Carla Sesar (-57, Natural Sport Ribeira) proclamouse hoxe subcampioa do mundo sub 21 en Nairobi (Kenia). A galega disputou un total de cinco combates e mostrou un nivel de competitividade e concentración excepcional, o que lle permitiu facerse coa prata no primeiro Campionato do Mundo desta categoría.

 

Carla Sesar (-57, Natural) arrincou o Mundial sub 21 ante Alisa Potemkina (AIN) e foi unha loita moi axustada e dura ante unha gran rival. No primeiro asalto a rusa Potemkina foi tremendamente superior (1-13), ata que Carla soubo como ler o combate. No segundo venceu por 8-3 e no terceiro volveu impoñerse (8-4) para avanzar á seguinte rolda.

 

Na segunda eliminatoria enfrontouse a Teigan Smith (Gran Bretaña) e novamente houbo que loitar ao máximo para vencer. Carla gañou o primeiro asalto (5-2), pero no segundo a británica logrou impoñerse nun round tremendamente igualado (5-6). Así, foi necesario disputar o terceiro asalto que rematou empatado (2-2) e se decidiu por rexistros a favor da galega. Desta maneira logrou o pase para os cuartos de final do Mundial sub 21 onde se enfrontou a Mariy Sevostyanova (Casaquistán). E como nos anteriores, Carla nunca se rende. Comezou perdendo o primeiro round de forma axustada (3-1), pero remontou no segundo para igualar (4-5) e no terceiro rematou xa con máis facilidade (3-7) e conseguiu así o pase ás semifinais do Mundial. Aí esperaba Fadi Khirfan (Xordania) e número 2 do ranking mundial. Pero a taekwondista do Natural volveu amosa a súas armas e concentración, e logrou impoñerse no primeiro asalto cun 9-7 no marcador e rematar o pase á final nun axustadísimo segundo round que rematou con empate sen puntuar e que se decidiu por rexistros.

 

Así, xa estaba na final, onde se enfrontou a Amina Dehhaoui (Marrocos), vixente campioa do mundo júnior en Chuncheon. Nesta ocasión, a marroquí foi mellor e logrou impoñerse á nosa deportista en dous asaltos e acadar o título mundial. Fantástica actuación de Carla que fixo historia tanto para o taekwondo galego como nacional.

 

Pola súa banda, Helena García (-73, Dobok) perdeu na primeira eliminatoria contra Malak Samy (Exipto) nun combate moi axustado (2-1). No primeiro asalto gañou a exipcia por 2-0, pero igualou no segundo Helena (2-1) para levar a eliminatoria ao desempate, no que se impuxo Samy por 4-1.

 

Mañá será a quenda para Javier Otero (-54 kg, Natural Sport), mentres que Adrián Salanova (-68, Maniotas)  e Sergio Troitiño (-87, Mat´s) competirán o sábado.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email